Ana Pontón pide un novo decreto do galego no ensino
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu esta sexta feira o Partido Popular a “mudar o rumbo” da súa política lingüística, unhas políticas, engadiu, que levaron o idioma á "preocupante situación de emerxencia lingüística na que se atopa". recriminou a Alfonso Rueda o seu “empeño” por seguir mantendo "todos e cada un dos elementos" que levan á perda de falantes, como o decreto de plurilingüismo no ensino.
Neste sentido, o BNG reivindica un novo decreto para o ensino que substitúa "o da vergoña" que provocou que a xeración educada baixo o mesmo sexa "a que menos galego fala da súa historia", recordou Pontón, quen advertiu que se o Executivo galego non rectifica o decreto pese á evidencia dos datos, estará demostrando que quere continuar "con esa política de situar o galego nunha lingua residual e de impor o castelán".
A nacionalista tamén apelou á urxencia de dar cumprimento ao Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), "o gran pacto pola lingua que xa ten o país e que o PP incumpre desde hai 16 anos".
"O único que lle pedimos ao PP é que pactemos os prazos e os orzamentos para poder levar adiante todas esas políticas que están deseñadas no Plan de Normalización Lingüística e que o único que se necesita é levalas á práctica", sintetizou. De non facelo, subliñou, o único que demostrará o PP é o seu empeño en “avanzar cara ao monolingüismo en castelán”.
"Encher as rúas"
A portavoz nacional do BNG fixo un chamamento esta sexta á participación masiva na manifestación convocada para hoxe pola plataforma Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas para celebrar "o orgullo de ter unha lingua propia e defender o dereito a vivir en galego" diante dunha situación de "emerxencia lingüística".
Pontón puxo en valor o “tremendo orgullo” que hai no país por ter e defender unha lingua e unha cultura propias e animou a “encher as rúas de Compostela dese amor, desa dignidade” e, sobre todo, da reivindicación de “querer seguir mantendo vivo o idioma.
Unhas declaracións que realizou nun acto que contou coa participación dun grupo de mulleres vinculadas á creación musical e da portavoz parlamentaria de Lingua, Mercedes Queixas.