Ana Miranda alerta en Bruxelas do malestar do sector pesqueiro galego
Na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que tivo lugar esta quinta feira, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou o malestar do sector pesqueiro galego ante a toma de determinadas decisións “desde os despachos e sen ter en conta a realidade dunha nación pesqueira como Galiza”. Ademais expresou a oposición á ampliación por parte da Comisión Europea das 87 zonas de pesca de augas profundas nas que se prohibe a pesca de fondo.
“En nome da miña organización, o BNG, quería expresar a nosa posición como representante dunha nación pesqueira, polo malestar que existe no sector pesqueiro cando se toman certas decisións”, manifestou Ana Miranda.
“Por suposto que estamos a favor de medidas e de tratados e de directivas de conservación e de apoio á biodiversidade, pero queremos incidir moito nun aspecto que reclamou nesta comisión moitas veces, que é o impacto socio-económico”, incidiu a eurodeputada galega.
Segundo salientou Miranda neste sentido, “esta non é só unha comisión que lexisle ou que fale só de diversidade biolóxica, ten que ser tamén de la diversidade do mundo pesqueiro”. Ao respecto, cómpre salientar que o sector pesqueiro na Galiza representa case 6% do PIB da economía, con máis de 4.000 tripulantes afectados nos portos galegos.
No que atinxe á proposta da Comisión de retomar a revisión das 87 vedas existentes e que pode afectar ao litoral, Ana Miranda explicou que o palangre demersal apenas incide nas poboacións vulnerábeis. “Quería expresalo hoxe, porque isto é unha preocupación nos portos de Burela, de Celeiro e de Ribeira”, manifestou, xa que a prohibición afecta a case 80% da pesca de palangre en Galiza.