O Goberno amplía a 50% as rebaixas de peaxes da AP-9 para camións e usuarios que fagan polo menos 20 viaxes ao mes

Peaxe na autoestrada AP-9 (Foto: Ana Varela).
O BNG aplaude a materialización do Acordo de Investidura coa ampliación de partida para novas bonificacións da AP-9.

O Goberno do Estado ampliará até 50% as rebaixas das peaxes da AP-9 para vehículos pesados e para aqueles usuarios que realicen polo menos 20 viaxes ao mes e paguen con telepeaxe. Así o anunciou o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, quen explicou que "miles de galegos beneficiaranse destes novos descontos".

O Consello de Ministros aproba esta quinta feira o financiamento dos novos descontos das peaxes da AP-9, elevando a partida a 81,6 millóns de euros. "O Goberno eleva así as axudas para financiar todos os descontos na AP-9 durante o ano 2025. Unha vez máis, o Ministro Óscar Puente cumpre con Galiza", aseverou o delegado.

O Consello de Ministros da luz verde a elevar o compromiso de gasto para aumentar "as bonificacións xa existentes en determinados casos". Neste contexto, os vehículos pesados verán incrementada a rebaixa de 20% actual até 50% desde a primeira viaxe, "independentemente do sistema de pago". No caso dos vehículos lixeiros, os usuarios que realicen polo menos 20 viaxes ao mes e paguen con telepeaxe verán como se eleva a 50% "o desconto extra por recorrencia".

Avance no Acordo de Investidura

Para o BNG este acordo no Consello de Ministros e Ministras obedece a un paso previo para o cumprimento dun dos puntos do Acordo de Investidura conseguido polos nacionalistas para as novas bonificacións da AP-9

Néstor Rego celebra o cumprimento do Acordo de Investidura e pon en valor o traballo realizado polo BNG: "Os usuarios da autoestrada están máis preto de conseguir novos descontos, este feito demostra que co BNG, Galiza gaña". Na mesma liña, Carme da Silva avanza que o BNG seguirá a traballar "para e por Galiza" nas Cortes do Estado, defendendo sempre os intereses dos galegos e galegas.

Conxelación das tarifas

Por outra parte, os deputados do PP por Pontevedra rexistraron unha moción na que solicitan ao Ministerio de Transportes e Mobilidad Sostíbel que proceda á "conxelación" das tarifas de peaxe da AP-9 a partir do 1 de xaneiro de 2025.

Ademais, esixiron que "non se siga prexudicando a economía dos galegos que a diario teñen que usar esta autoestrada para os seus desprazamentos". Así, lamentaron que a AP-9 ten nalgún dos seus tramos "as peaxes por quilómetro máis caros de toda España" e denunciaron que esta conxuntura "se verá agravada" a partir do próximo 1 de xaneiro pola actualización do seu prezo por parte do Goberno do Estado.

"Por iso, e á espera de que se tramite, por parte do Goberno de España a liberalización de tarifas e a implementación da súa gratuidade universal e o traspaso da súa titularidade a favor da Galiza, consideramos que hai que poñer coto urxente a estas subidas adoptando medidas económicas para deixar de prexudicar aos cidadáns", destacaron os populares nun comunicado.