Alcaldías de Valdeorras urxen á Xunta actuar ante a falta de auga potábel

Fontes potábeis instaladas no Barco ante as restricións. (Foto: Nós Diario)
Alcaldes e alcaldesas da comarca de Valdeorras lamentan "o abandono" do Goberno galego.

A Casa do Concello de Vilamartín (Valdeorras) acolleu esta segunda feira unha rolda de prensa a cargo do rexedor deste concello, Enrique Álvarez; o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e a alcaldesa da Rúa, María González Albert; unha cita na que escusaron a súa asistencia o alcalde do Bolo e a de Petín, municipios todos da comarca de Valdeorras. Nas intervencións, demandaron a implicación das administracións para solucionar o problema derivado dos arrastres das cinzas froito dos grandes incendios do verán que afectaron este territorio e que agora están ensuciando a auga.

Após as tormentas dos últimos días, as captacións de auga potábel enchéronse de lodo e cinza. A gran cantidade de arrastres nos depósitos fixo inviábel potabilizar a auga, decretáronse restricións e instaláronse fontes en varios puntos da comarca.

Esta segunda feira, os alcaldes e a alcaldesa volveron denunciar a situación de abandona da Xunta cara á comarcas. Ás críticas durante os incendios, con casas queimadas ou mesmo na Rúa cun vertedoiro industrial ardendo durante días sen intervención do Goberno galego nesa instalación, esta segunda feira volvían criticar a "inacción" do Executivo de Alfonso Rueda e denunciaban as palabras da conselleira de Medio Ambiente, que deixaba a responsabilidade de potabilizar a auga nos concellos.

O alcalde de Vilamartín afirmou que xa advertiran a Xunta de que este problema se ía dar. "Desde o Concello non temos capacidade para resolver o que se nos vén enriba co tema das chuvias". Demandou por iso a implicación de todas as institucións ante esta problemática, Concellos, Deputación de Ourense, Xunta e Goberno español.

Esta segunda feira, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga, explicou que 12 brigadas están a traballar desde hai semanas nas comarcas afectadas polos incendios forestais do verán coa prioridade de protexer as captacións de auga e evitar problemas de turbidez como os detectados en Valdeorras. O persoal está a instalar muros vexetais de contención para retirar a vexetación queimada e evitar que a cinza chegue até a captación.