Alberto Varela, presidente da Fegamp: "A Xunta non debería demonizar as declaracións de zona de aluguer tensionado nin a taxa turística"
O Concello é a administración máis próxima á cidadanía. Unha frase recorrente mais na que Alberto Varela acredita, de aí a súa defensa dun financiamento adecuado ás responsabilidades dos municipios e a apelación a que outras Administracións teñan máis en conta a voz dos concellos en diferentes cuestións, desde as declaracións zonas de aluguer tensionado e a taxa turística até a problemática do servizo de axuda no fogar.
—O proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza para 2026 está en tramitación no Parlamento e con el o debate sobre as achegas para o financiamento local, un punto de fricción nestes anos entre o Goberno galego e a Fegamp, que leva tempo denunciando a insuficiente contía que se destina aos municipios.
Levamos anos defendendo que se incremente o Fondo de Cooperación Local (FCL), que son os fondos que recibimos os concellos en base a unha serie de criterios obxectivos. Até o de agora, e eu son presidente da Fegamp desde 2019, todos os anos apróbase en asemblea por todos os alcaldes e alcaldesas, por unanimidade, defender un maior financiamento para os concellos, un financiamento que non dá chegado.
A participación do Estado nos ingresos, porén, si que foi aumentando ao longo destes anos e dunha maneira notábel, e aínda así non chega. Mais os fondos que recibimos da Xunta non só non aumentaron, senón que hai fondos que non se executaron, segundo sinalou o propio Consello de Contas [o órgano fiscalizador constatou que en 2023 a Xunta deixou de ingresar case 100 millóns de euros aos concellos]. Que pasa neste Orzamento? En principio díxosenos desde o Goberno galego que ía haber cambios na liña que demandaba a Fegamp, ou sexa, de aumentar ese fondo e facelo con criterios obxectivos, mais que todo iso quedaba vinculado á aprobación da nova Lei da Administración Local da Galiza, lei que aínda non coñecemos nin sabemos cando vai estar. Dinnos que é un período de transición, mais a Fegamp non quedou parada, reunímonos con todos os grupos parlamentarios que quixeron escoitarmos e alí expuxemos as nosas propostas de aumentar o financiamento ou que non se nos impoñan competencias sen o financiamento correspondente, na liña de ter unha voz activa naquelas leis que vaian ter se que ser xestionadas polos concellos.
Levamos anos e anos reivindicando o mesmo, e dentro disto, a necesidade dun financiamento máis estábel está o servizo de axuda no fogar (SAF).
—A demanda dun maior financiamento da Xunta para o SAF é unha demanda que tamén leva anos sobre a mesa e apoiada por todos os concellos, independentemente da cor política
A realidade é que a Lei de Dependencia estabelece que este servizo ten que ser financiado pola Xunta e o Estado, non di que teña que ser 50-50, senón que canda menos a comunidade ten que pór o mesmo que o Estado. A nós o que nos toca é xestionar o SAF, non financialo, mais a realidade é que somos a Administración que máis cartos está a pór riba da mesa para poder prestar este servizo. Da Xunta da Galiza e do Estado, de ambos os dous, recibimos 12 euros/hora, cando a realidade é que o servizo está a custar unha media de case 23 euros a hora na maioría dos concellos da Galiza. Unha matemática simple: se eles poñen 12 euros, a diferenza, tendo en conta que o copagamento é mínimo, é o que debe pór o concello.
Este non é o único problema que ten o servizo de axuda no fogar pero está a afogar moitos concellos, non é sostíbel que un municipio cun orzamento duns 5, 6 ou 7 millóns estea a ter que dedicar máis de un millón de euros ao SAF, e é algo que está a pasar. Eses servizos son fundamentais, pero deberían estar financiados por outras administracións. Se os concellos temos que dedicar recursos a eles, temos que detraelos doutras cuestións que si son competencias propias municipais.
—Debería a Xunta da Galiza asumir o SAF?
Ese é un debate, desde logo parece que un servizo relacionado cos coidados, en moitas ocasións nos grandes dependentes, e os coidados son moitas veces sanitarios, podería ser unha necesidade [esa asunción da competencia]. Son necesarios cambios normativos? Si, seguro, pero as leis pódense mudar. A realidade é que mentres estean xestionados polos concellos imos tratar de facelo con responsabilidade pero para iso precisamos os recursos necesarios e que se cumpra a Lei de Dependencia, que hoxe por hoxe non se está cumprindo. Cada vez que pedimos falar disto á Xunta da Galiza, bótanlle a culpa ás outras Administracións e o problema continúa sen se solucionar..
—Afirmou antes que o financiamento non é o único problema que os concellos teñen no SAF....
Algo que está a pasar, sobre todo nos municipios máis pequenos, é a dificultade de atopar persoal formado para prestar este servizo, estamos ante un traballo que require moito esforzo, que non está ben pagado... Cada vez hai máis carencia de persoal, é un servizo que non ten convenio colectivo na Galiza. Estamos traballando para ver se melloramos as condicións de seguridade das propias traballadoras..
—Estase no proceso de elaborar un protocolo para as traballadoras do servizo de situacións de violencia...
Elaborou un borrador o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza (ISSGA). Na Fegamp reunímonos con representantes da Xunta e do ISSGA para avalialo, e cremos que precisa de concreción na cobertura económica e de modificacións normativas para que sexa eficaz. Unha reflexión que se fixo é que o papel terma de todo mais se isto non vai acompañado de financiamento, de medidas... Naquelas situacións de risco para a traballadora hai que garantir a seguridade da traballadora, evidentemente, mais ao dependente hai que atendelo, quizás con outra prestación, mais cal vai ser esta, quen a vai prestar? E iso non depende só dos concellos, ten que ser un compromiso de todas as administracións.
—A vivenda figura entre as principais preocupacións da cidadanía. Que poden facer os concellos, dentro das competencias limitadas que teñen? E poden as declaracións de zonas tensionadas de aluguer ser unha medida positiva, malia que a Xunta non é partidaria das mesmas e non dá visto e prace a todas as solicitadas?
As competencias dos concellos son limitadas e sobre todo as posibilidades de solucionar este problema cunhas arcas moi mermadas. Hai cidades con maior orzamento que si que poden ter maior capacidade, mais en municipios con pouco orzamento é difícil pórse a promover vivenda pública. Aínda así, os concellos estamos colaborando, cedendo solos a administracións que si teñen competencia, como a Xunta; para que fagan vivenda pública. As zonas tensionadas? O que está claro é que é moi difícil adquirir vivenda e tamén o tema do aluguer, así que algunha solución hai que dar. Desde logo, o de xulgar a priori, como se está a facer, que isto [a declaración de zona de mercado residencial tensionado] non vai funcionar... deixemos que os concellos, que son os que coñecen mellor a realidade da súa cidade, traballen para que a través destas declaracións poidan mellorar a situación. Hai outro tema, que é o das vivendas turísticas (VUT), sobre todo naqueles municipios que soportan maior número de turistas, e que encarece moito o aluguer. Non se debería demonizar a taxa turística nin as declaracións de zonas tensionadas, a comunidade debería deixar traballar aqueles concellos que piden esas declaracións.
—A Xunta anunciou unha nova Lei da Administración Local coa que “reducir a burocracia” e “modernizar” os concellos, lei da que neste mes comezarán os trámites. Tiveron algún contacto desde o Goberno galego cos concellos sobre esta lei?
Na reunión que tivemos [coa Xunta] sobre o Fondo de Cooperación Local comentamos que non eramos coñecedores desa lei mais aló do que se publicaba nos medios de comunicación. Díxosenos que teriamos oportunidade de facer as nosas achegas. Sería preferíbel, e así o trasladei, que desde o inicio comezase este diálogo, pois estamos a falar da Lei da Administración local.
—En 2015 chegou á Alcaldía de Vilagarcía, fará en maio 10 anos. En base a súa experiencia, que cre que é o que demanda a xente dos concellos, da Administración local?
Diría dúas cousas. Primeiro, o que a cidadanía reclama é que soluciones as súas cuestións, os seus problemas do día a día. En moitas ocasións sen atender a se eses problemas poden ser de competencias que non son do Concello. Pero ao final, como dicimos alcaldes e alcaldesas, non é da nosa competencia pero é da nosa incumbencia e temos que intentar resolvelo. Unha gran diferenza que vexo como alcalde nestes 10 anos, refírome a Vilagarcía mais creo que é extensíbel á maioría dos concellos; é que hai 10 anos custábanos atopar financiamento ou recursos para poder facer investimentos, e a realidade é que agora estamos tendo problemas para o gasto corrente, o día a día. O SAF, o lixo, o esforzo nos servizos sociais, somos a comunidade onde os concellos destinan máis recursos aos servizos sociais básicos... Todo iso sumado a que todo encareceu leva a que custe cadrar os orzamentos.
"Os concellos que soben a taxa do lixo fano porque é necesario"
"O lixo é un servizo que xa era deficitario e evidentemente co de Sogama [o incremento da taxa] os custos eleváronse. Ademais, estanse a pedir novos requisitos aos concellos, outras formas de xestión dos residuos, co quinto contedor, e isto estase a pedir desde a Unión Europea", indica Alberto Varela á pregunta sobre a suba de prezos do lixo en determinados concellos. "Todo isto encarece o servizo e hai concellos que teñen que subir as taxas do lixo, aqueles concellos que soben a taxa, estou convencido de que é porque é necesario". Sobre o papel dos municipios na Galiza do século XXI, o presidente da Fegamp considera que "os concellos deberiamos ser máis partícipes nas tomas de decisións, somos a Administración máis próxima ao cidadán e á cidadá, os que mellor coñecemos a realidade dos diferentes territorios que temos na Galiza. Unha maneira de coordinar ou funcionar bastante mellor sería que os alcaldes e as alcaldesas fósemos partícipes nas tomas de decisións daquelas leis que despois teñamos que xestionar".