Aitor Bouza toma posesión como deputado do PSdeG no Parlamento galego

Carlos López Font e Aitor Bouza este 23 de setembro no Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)

Substitúe Julio Abalde, que será o novo subdelegado do Goberno español na Coruña.

O secretario local do PSOE de Santiago, Aitor Bouza, prometeu esta terza feira o seu cargo como deputado do PSdeG, tras a saída do ex reitor da Universidade da Coruña (UDC) Julio Abalde, que deixou o seu escano este mes para pórse á fronte da Subdelegación do Goberno español na Coruña.

Tras un debate sobre o minuto de silencio polo xenocidio en Gaza que pretende impulsar o PSdeG, e que defendeu o propio José Ramón Gómez Besteiro, xefe de filas dos socialistas galegos, Aitor Bouza, que levaba unha camiseta de 'Paremos o xenocidio' coa bandeira de Palestina, prometeu o seu cargo e tomou posesión do seu escano.

Bouza ocupa o sitio que deixa Abalde, que á súa vez substituirá María Ribas na Sudelegación da Coruña. Ribas, que nestes catro anos exerceu como subdelegada do Goberno español na Coruña, cesa neste posto. Ela mesma anunciou nas redes sociais que "en breve inicio nova etapa no concello da Coruña, a miña casa. Fecho outra marabillosa na Subdelegación do Goberno. Con ilusión e compromiso incorpórome ao proxecto de presente e futuro da alcaldesa Inés Rei".

Ribas é funcionaria no Concello da Coruña mais o seu anuncio semella apuntar a que nesa “nova etapa” poida ostentar algún posto ou cargo de confianza política. Con todo, Rei cualificou o cesamento de María Ribas como "un erro".

Algúns medios consideraron estas palabras da rexedora herculina como un ataque cara a Bouza, quen afirmou que lle corresponde " entrar no Parlamento porque hai unha marcha dun compañeiro e, como en todos os casos, entra o seguinte na listaxe. É o único que teño que dicir, non é unha decisión que se adoptase en Santiago, nin ten nada que ver co PSdeG de Santiago".