Acusan a Xunta de obviar o Consello Forestal da Galiza

A conselleira do Medio Rural, María J. Gómez (no centro), e o presidente, Alfonso Rueda, en Verín. (Foto: Xunta da Galiza)

A superficie queimada este ano multiplica por seis o obxectivo de Pladiga

A Xunta de Galiza presentou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) de 2025 ao Consello Forestal o pasado 30 de abril. Aprobouse no Consello da Xunta o 5 de maio fixando un obxectivo de menos de 18.600 hectáreas queimadas este ano. Aínda sen rematar a campaña, as cifras oficiais da propia Xunta multiplican por seis ese cálculo e membros do Consello critican a "falta de participación" neste órgano.

Desde hai dúas décadas Galiza conta cun Consello Forestal –un órgano colexiado con máis de 60 representantes de todos os sectores implicados– que sobre o papel é o máximo órgano de representación neste eido. No Consello Forestal o Goberno galego presenta cada ano o Pladiga. O do presente ano presentouse diante deste órgano o 30 de abril e foi aprobado no Consello da Xunta do 5 de maio. Dispón dun orzamento de máis de 200 millóns de euros e estabelecía como obxectivo rematar a campaña de incendios “con menos de 18.600 hectáreas queimadas”. Nestes momentos, porén, e tras a voraz vaga de incendios de agosto, xa arderon máis de 110.000 hectáreas segundo a propia Xunta –unhas 140.000 segundo o satélite Copernicus–.

Nós Diario preguntou á Consellaría do Medio Rural por este desfase entre os obxectivos do Pladiga e as cifras de hectáreas queimadas, e as fontes consultadas argumentaron que os fixados no Plan son “obxectivos de control” partindo da media dos últimos dez anos, e apuntan aos "lumes de especial virulencia" e a "unha enorme actividade incendiaria” como causas. "A maioría dos incendios non se deben a causas naturais, 75% deles son intencionados”, insistiron.

A Xunta "non escoita" o Consello Forestal

Non opinan o mesmo os membros do Consello Forestal consultados por este medio. Están representadas a industria forestal, as empresas, as universidades, os concellos, os sindicatos agrarios e os colectivos ecoloxistas. Critican que reiteradamente teñen demandado neste órgano consultivo “que cumpra co Decreto que o regula" e permita a participación e a consulta do sector no deseño das súas políticas”, indica Xosé Santos, un dos seus vogais. A pesar das demandas reiteradas en anos pasados de crear mesas de traballo, de estudo e de debate sobre os incendios, Santos acusa a Xunta de “facer ouvidos xordos”. Coincide con esta análise Jacobo Feijóo, vicepresidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) e vogal tamén no Consello Forestal . “Traen o Pladiga de cada ano a unha reunión meramente informativa”, di, cando tamén os empresarios forestais representados neste órgano levan anos demandando “un grupo de traballo” para un “novo deseño” das políticas forestais e de desenvolvemento rural. Logo da “catástrofe” que a vaga de lumes provocou o pasado mes,  pediron unha reunión extraordinaria deste órgano. Unha demanda aínda sen resposta por parte da Xunta.

Todos estes colectivos achegaron diferentes medidas nos ditames das comisións de investigación parlamentaria das vagas de lumes de 1989, 2006 e 2017, mais “a maioría non se implementaron”, lamenta Feijóo. O balance no que vai de 2025 fala de máis hectáreas ardidas que en 2006 –perto de 96.000–. Daquela declaráranse case 7.000 fogos; este ano, arredor de medio milleiro.