Acordo en Compostela para dar luz verde aos orzamentos de 2025

Goretti Sanmartín (á dereita) e María Rozas (á esquerda), a pasada sexta feira co resto do Goberno municipal. (Foto: Arxina)

As contas da capital galega para este ano contarán co voto a favor dos grupos municipais de BNG, Compostela Aberta e PSdeG.

O Goberno local de Compostela chegou a un acordo co grupo municipal socialista para sacar adiante os orzamentos do concello compostelán para 2025.

Está previsto que esta terza feira, ás 11.30 horas, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, en representación do grupo municipal do BNG, María Rozas, en representación de Compostela Aberta, e Gonzalo Muíños, en representación do Grupo Municipal Socialista, asinen o acordo.

Esta pasada fin de semana o PSdeG de Santiago daba a coñecer as súas demandas para apoiar as contas municipais, que pasaban por impulsar a licitación do novo complexo deportivo de Santa Marta, a renovación doutros equipamentos como parques infantís, a tramitación de zona de mercado residencial tensionado nos próximos meses, así como a constitución da nova Emuvissa.

Do mesmo modo, reclamaban que se realicen dúas convocatorias dos 'Bonos Corazón' (do comercio) —unha na primavera e outra no outono cun fondo de 300.000 euros cada unha— e o impulso das reurbanizacións comprometidas na rúa García Lorca (en Vite) e na rúa Mallou.

Así mesmo, nun almorzo informativo decorrido na sexta feira, Sanmartín xa sinalaba que o seu Executivo traballaba "de maneira intensa" na negociación co grupo municipal socialista e avanzaba que "en breve" trasladaría "noticias definitivas para ter un orzamento".

As negociacións enmarcáronse nun contexto de crise interna do PSdeG local no que os seus edís se enfrontan a un expediente disciplinario por parte da Dirección tras votar a favor no pleno de rexeitar que se puidesen regularizar os pisos turísticos que operaban antes do cambio de normativa.

Naquel momento, a executiva local que dirixe Aitor Bouza ordenara a abstención e os seis concelleiros socialistas desobedeceron o mandato. Días despois, o portavoz municipal, Gonzalo Muíños, tamén desatendeu a Dirección tras instalo a renovar o persoal de confianza do grupo no Concello.