'Abrir Ferrol ao mar' limítase a rebaixar a altura do muro que separa a cidade da ría
A reclamación histórica do derrubamento do muro que separa a cidade de Ferrol co Arsenal, un espazo que ocupa o Exército español desde o século XVIII e que impide ver a ría desde a zona vella, viviu esta sexta feira un dos momentos máis simbólicos. O Concello, presidido polo popular José Manuel Rei Varela, organizou esta sexta feira o acto institucional do plan 'Abrir Ferrol ao Mar', no que se citaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a ministra de Defensa, Margarita Robles, e o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco.
"Permitirá que a cidade abrace plenamente o mar e o Arsenal, abrindo Ferrol á súa fachada marítima e ao seu futuro", anunciou esta semana o alcalde. Porén, o certo é que a muralla rebaixarase en altura e porase un enreixado metálico, que estará así situado sobre unha base que, segundo o proxecto, alcanzará 2,7 metros de alto no seu punto máis elevado, até medio metro noutras partes. O proxecto facilitará poder ver parte da ría e do Arsenal mais non na súa totalidade e sen entrar na posibilidade de permitir o acceso á beira do mar.
Unha das voces que máis teñen traballado nesta reivindicación é o historiador e crítico literario ferrolán Francisco Rodríguez que, entre outras responsabilidades, foi deputado no Congreso polo BNG desde 1996 a 2008. “O BNG defendeu en solitario a súa retirada [o muro] desde hai 30 anos”, indica a Nós Diario. Lembra varias mobilizacións, sobre todo desde a porta de Navantia até o Teatro Jofre. En Madrid teimou neste tema e as respostas que obtivo foron variadas.
“Dicían que por seguridade non podía ser ou que impedía a contaminación”, sinala. Nestes anos retiráronse algunhas partes “sen importancia e outras quedaron mal”. Critica o proxecto actual porque é unha iniciativa “que paga todo o mundo excepto o Ministerio de Defensa” e que en realidade “non derruba o muro senón que o rebaixa nalgunhas zonas”.
Para o portavoz municipal do BNG, Iván Ribas, a actuación que se fai agora é “a substitución dun muro por unha reixa, un avance significativo mais tería que formar parte dun proceso en que a cidade sexa capaz de incorporar todos eses terreos e edificacións públicas á trama urbana da cidade”. O BNG tamén é crítico coa xestión do custo desta obra que, nesta primeira fase que ten un percorrido de 1 km, é de 5,5 millóns de euros "que pagará o Concello e a Xunta".
Un dos colectivos máis interesados en que se retire o muro é o veciñal. María José Peniza, presidenta da asociación Ferrol Vello recorda a Nós Diario que levan anos de reivindicación. Recoñece que hai algo de “división” sobre o tema, mais “gaña a idea de que hai que abrir Ferrol ao mar”. Aos seus 67 anos sempre tivo a impresión de que era “un territorio vedado que dividía a cidade”. Cre que é un primeiro paso e, se algunha vez poden contar coas edificacións do Arsenal, apunta algunha idea para o seu uso. “Gustaríanos contar cun museo do mar, falta fai”.
Negativa de Patrimonio
O inicio das obras veu marcado pola polémica creada por un informe negativo ao proxecto procedente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura. O documento, ao que tivo acceso Nós Diario, non admite a eliminación das partes da muralla “adxacentes a elementos singulares (portas e garitas de vixilancia)”. Ademais, non admite “a eliminación ou substitución da Porta de Enfermaría, elemento histórico”. O alcalde asegurou esta semana que as afeccións ao proxecto “non eran importantes” e que, aínda así, “quedarán subsanadas”. Porén, a oposición (BNG, PSdeG e Ferrol en Común) solicitan obter máis información sobre esta cuestión.
Para Antonio Casal, secretario da asociación Ferrol Terra Activa, que se dedica á divulgación histórica e do patrimonio, a actuación “era algo que había que atender”. Sinala a Nós Diario que o Arsenal é “un espazo vivo que evolucionou cos séculos e a nivel patrimonial" e sobre o informe de Patrimonio, non entende como o xestionou o Concello nin como o vai solucionar.