Abel Caballero contradí o PSdeG e aposta por unha AP-9 xestionada polo Estado español

Abel Caballero, á esquerda, esta sexta feira na xuntanza do Goberno de Vigo no Pazo da Raposeira. (Foto: Nós Diario)

O rexedor vigués sinalou que lle dá “exactamente igual” quen xestione a Autoestrada do Atlántico, pero insistiu na súa preferencia porque sexa o Goberno estatal quen o faga. Contradí así a postura do PSdeG, formación que apoia a transferencia do viario á Galiza.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a reclamar esta sexta feira a gratuidade da autoestrada AP-9 e, de forma inmediata, no tramo entre a cidade olívica e a cidade de Pontevedra, pero foi máis aló e expresou claramente a súa preferencia sobre que administración debe xestionala: "Se me preguntan a min, eu quero que a xestione España, porque é quen pode pagar. Se a xestionase Galiza non podería pagar a indemnización, España si".

Así o manifestou a preguntas dos medios nunha comparecencia tras unha reunión do Goberno local. O rexedor olívico sinalou que lle dá "exactamente igual" quen xestione a Autoestrada do Atlántico, pero expresou a súa preferencia porque sexa o Goberno estatal. "Complexos niso, ningún. Que a xestione España, pero que o faga con gratuidade", subliñou.

Caballero incidiu en que "o importante" para el, como alcalde, é que a autoestrada sexa gratuíta e, preguntado arredor da transferencia da AP-9, o alcalde reiterou: "Éme igual, o que me preocupa é que todo aquilo que ten a Xunta non vai, porque non ten diñeiro para que vaia".

Respecto diso, lembrou que as autoestradas autonómicas seguen mantendo as peaxes, e repetiu que, o que lle importa, é que a AP-9 sexa gratuíta e "que a xestione o Estado". "Está a xestionala mal? Non, faino ben", engadiu.

Con todo, Abel Caballero matizou que si houbo un momento de mala xestión da Autoestrada por parte do Estado, e foi co Goberno de Aznar que prorrogou a concesión até 2048. "O resto están a facelo ben, pero cando Aznar deu a prórroga, éso si que foi unha navallada a Galiza", proclamou.

Por outra banda, o alcalde de Vigo descartou, na súa liña, buscar unha fronte común con outros municipios na área de influencia da AP-9. "Eu actúo como alcalde de Vigo, que cada Concello faga o que queira", afirmou.

Desmarcado do PSdeG

Con estas manifestacións sobre a xestión da autoestrada, Abel Caballero contradí a posición do PSdeG, que apoia a transferencia da AP-9 a Galiza, unha posición que plasmou no Parlamento galego co seu respaldo a unha iniciativa dirixida ao Congreso para impulsar a devandita transferencia (tamén apoiada por PP e BNG).

Así, en xuño, a Cámara Baixa deu luz verde, co rexeitamento de Vox, á toma en consideración dunha proposición de lei sobre o traspaso. Con todo, dous días despois, o PSOE abstívose na votación dunha iniciativa pactada por PP e BNG para instar o Goberno español a transferir a autoestrada, suprimir as peaxes e anular a concesión até 2048.

De feito, o primeiro en 'arrefriar' a posibilidade dese traspaso foi o propio ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, que ve difícil encaixe xurídico á transferencia e que tampouco ve viábel economicamente o rescate da concesión.