Abel Caballero, o alcalde alfa e omega

[Imaxe: SG] O alcalde, co grupo musical Maná

Abel Caballero (Ponteareas, 1946) goberna en Vigo desde 2007 e desde 2015 faino cunha ampla e cómoda maioría absoluta. Polémico, populista, localista, o alcalde vigués construíu un personaxe que engole a persoa e na que Vigo vai camiño de ser a súa cidade-estado, desligada de calquer proxecto con, para ou de Galiza. Eis un extracto da peza publicada no número 310 de Sermos Galiza.

Unha pasarela do porto de Vigo derrubouse no momento en que se celebraba un concerto do festival O Marisquiño e houbo máis de 450 persoas feridas. Un milagre que non houber que lamentar males maiores. O suceso, o pasado 13 de agosto, deu lugar a un cruce de acusacións entre Concello e Autoridade Portuaria nunha lea na que tamén quixo mergullarse a Xunta de Feixóo, que cría ver por vez primeira unha fenda por onde zoupar a Abel Caballero. Aínda é cedo para determinar se o acontecido no Marisquiño vai pasar factura ao alcalde de Vigo, rachando con esa imaxe de que goberna nunha balsa de aceite, sen sustos nin sobresaltos grazas á súa xestión. 

 

Polo momento, Caballero, continúa fiel ao seu persoal estilo: acusou o presidente da Xunta de non atender as súas chamadas na noite do accidente. En contraposición a ese desinterese, explicou o rexedor no seu programa televisivo semanal (Vigo de cerca), el peregrinou polos hospitais onde estaban as persoas feridas e mesmo contou como os pais dunha nena ferida de 13 anos lle dixeron que a rapaza era “moi abelista”. 
Unha anécdota narrada polo propio alcalde e que hai que sumar á ringleira de imaxes, actos, inauguracións e promesas que encadean á perfección nun termo tan usado ultimamente e tan polisémico como o de populismo e que Caballero semella lucir con orgullo. De presentar concertos en Castrelos ao Dinoseto, de bailar zumba diante de miles de persoas a inzar os barrios de Vigo con centos de bancos co logo da alcaldía ou chantar un pesqueiro nunha rotonda. 
 

[Podes ler a peza íntegra no número 310 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]