Abascal anuncia un mitin en Ribeira e Ana Peleteiro respóndelle: “Mellor queda na casa”

Ana Peleteiro (Foto: Nós Diario)

A resposta da atleta ribeirense acarreoulle insultos e críticas de seguidores de Vox mais tamén aplausos e parabéns de numerosos internautas.

“Este fin de semana vuelvo a Galicia”, anunciou Santiago Abascal, líder de Vox, nas redes sociais e citaba as localidades que ía percorrer na súa participación nestes días na campaña electoral, Entre elas, Ribeira, na comarca do Barbanza.

E dunha ribeirense chegou a resposta ao líder ultra dereitista. De Ana Peleteiro, atleta e recente Medalla Castelao, que tamén a través das redes sociais respondeu a Abascal cun “mellor queda na casa. O único que ten de Galiza son os montes. De Nada”. Contestación na que se facía referencia ao lema da campaña de Voz para as eleccións galegas (Galicia es verde, xogando coa cor corporativa do partido ultra e unha cor que se asocia con Galiza).

O posicionamento de Peleteiro supúxolle insultos e ataques nas redes sociais por parte de seguidores de Vox. Tamén mostras de apoio e respecto por parte de numerosos internautas.

A propia Ana Peleteiro publicou posteriormente un texto no que defendía que a súa “única bandeira” é o “respecto, agora e sempre”.