O BNG visa a constitución dun "movemento social multicor" pola soberanía

Executiva Nacional do BNG
Primeira reunión da Executiva Nacional do BNG eleita onte na XIV Asemblea Nacional. 12 caras novas. Un portavoz nacional novo. O BNG, por boca de Xavier Vence, anunciou que lanza un debate social sobre a soberanía.

 

Os 15 membros da Executiva Nacional do BNG realizaron na mañá desta segunda feira a súa primeira xuntanza. Unha cita de “toma de contacto” e de avaliación da XIV Asemblea Nacional, desenvolvida este domingo en Compostela. De feito, na reunión non se procedeu ao reparto de responsabilidades ou áreas. “Iso é algo que abordaremos nos vindeiros días”, sinalou Xavier Vence, novo portavoz nacional.

Vence destacou que na nova dirección da fronte nacionalista hai un 80% de caras novas, unha renovación coa que encetar o camiño de “reconectar coa cidadanía. Queremos ser a opción da maioría dos galegos e das galegas”. Para iso, o portavoz nacional trazou tres liñas de traballo: reforzar a presenza na sociedade, nomeadamente nos movementos sociais; afortalar a actividade construtiva de políticas alternativas nas institucións e “abrir un proceso de debate na sociedade sobre a alternativa soberanista”.

 Diálogo e autoorganización

O portavoz do BNG tamén apuntou, a preguntas dos xornalistas, que están abertos ao diálogo con outras forzas nacionalistas no camiño de ir tecendo complicidades, e avanzar cara á constitución "dun polo nacionalista”. O que o propio Xavier Vence cualificou como “movemento social multicor pola soberanía”, que abranguería organizacións políticas, sindicais, sociais,... Só habería unha precondición neste proceso, apuntou Vence: “O respecto do principio de autoorganización”.

Tamén a perguntas da imprensa, o portavoz nacional do BNG transmitiu o respecto da Executiva Nacional á decisión de Aymerich de renunciar o seu escano. “Imos seguir contando con el, como co conxunto de Abrente”, esclareceu.