25 medidas contra a violencia machista no 25-N: o BNG reivindica "acción política" para evitar unha "efeméride baleira"
O BNG presentou este 25-N un paquete de 25 medidas "concretas, realistas e factíbeis" para combater a violencia machista nunha data que "non pode converterse nunha efeméride instalada na rutina e nos discursos baleiros".
Así o explicaron a portavoz nacional, Ana Pontón, e a responsábel de Acción Feminista e portavoz parlamentaria de Igualdade, Noa Presas, que, xunto a unha ampla representación de deputadas, presentaron un conxunto de medidas para loitar de maneira transversal e en todos os ámbitos contra a violencia machista.
"Faltan medios, faltan recursos e falta acción política", denunciou Pontón, quen advertiu que "o terrorismo machista non se vai solucionar nin con minutos de silencio, nin con lazos lila, nin desde políticas rutineiras" e, moito menos, dixo, "pactando, gobernando e mesmo asumindo unha parte do discurso negacionista da extrema dereita como está facendo o Partido Popular".
Dende o convencemento de que o 25-N ten que servir para a reflexión, a reivindicación e a concreción de propostas que permitan achegar solucións ao problema, as 25 medidas presentadas polo BNG están articuladas sobre cinco grandes liñas de actuación: incrementar os recursos económicos destinados a combater a violencia de xénero e os medios, aumentar as axudas directas ás vítimas, reforzar a rede pública de loita contra os machismos e educar e formar en igualdade.
Entre as medidas propostas, a formación nacionalista avoga por destinar 1% do orzamento da Xunta (130 millóns de euros) á loita contra as violencias machistas, unha proposta vetada polo PP. "Esperamos que esta vez rectifiquen e acepten a emenda do BNG aos presupostos de 2025", indicou a portavoz nacional.
Axuda para saír da prostitución
O Bloque tamén propón incrementar as axudas destinadas ás vítimas e actualizalas conforme ao IPC e pór en marcha unha nova axuda para que as mulleres que queiran saír da prostitución poidan facelo a través dun programa específico.
No que respecta ao terceiro ámbito de actuación, o BNG aposta por reforzar a rede pública contra os machismos, dotando de atención psicolóxica integral a todos os centros de saúde de Atención Primaria, tal e como recolle a lei pero que segue sen cumprirse, destacaron; ampliando todas as medidas de intervención en colaboración co Colexio de Psicoloxía da Galiza e revertendo a decisión do Goberno de Rueda de privatizar a xestión dos centros de crise 24 horas.
Negocio coa loita contra a violencia
Ana Pontón advertiu que esta decisión do PP permite "facer negocio coa loita contra violencia machista" ao deixar estes centros en mans de dúas multinacionais, OHL e Eulen, ás que se lles vai dar sete millóns de euros por un servizo que "debe estar prestado dende o ámbito público". "É triste e unha indecencia que o Partido Popular pense que con todo se pode facer negocio, mesmo coa violencia contra as mulleres", afondou.
Neste ámbito de actuación, a formación nacionalista tamén propón mellorar a rede de acollemento, aumentando os Centros de Información á Muller (CIM), revisando o sistema Vioxén, así como todos os dispositivos electrónicos de protección, ou dotando todas as cidades galegas de xulgados específicos de violencia de xénero.
A proposta do Bloque tamén pon o foco na educación e a formación en igualdade, con medidas como a recuperación da materia optativa de igualdade, a elaboración coa comunidade educativa dun plan de educación afectivo-sexual que garanta unha educación integral en todos os ámbitos e en todas as etapas educativas, ou a posta en marcha de programas de formación para todos os profesionais que interveñen na cadea de resposta ás vítimas, dende o xurídico, ao policial ou o sanitario.
A portavoz nacional contrapuxo as alternativas do BNG a un PP que nin sequera foi capaz de desenvolver plenamente a Lei galega contra a violencia machista, vixente dende hai 17 anos, sinalou Pontón. "As administracións non se poden relaxar nin normalizar a existencia de violencia machista", advertiu, para reclamar "máis medios e máis recursos" para que o 25-N non quede nun día, senón que os 365 días do ano sexan 25 de novembro”.
Erradicar a violencia
Nesta mesma liña tamén se pronunciou a responsábel de Acción Feminista, Noa Presas, quen advertiu que o que require a violencia machista para ser realmente combatida "é que poñamos toda a nosa intelixencia colectiva e concretemos medidas para darlle resposta". Presas advertiu que o 25-N ten que ser unha data de loita, como foi sempre para o feminismo, mais tamén unha data na que desde as institucións e as diferentes administracións se pare a reflexionar e trasladen "propostas concretas".
"Esperamos que as medidas que presentamos hoxe sexan benvidas e que haxa compromisos por parte das institucións, pois preocúpanos a normalización que está habendo da violencia machista", afondou para rematar facendo un chamamento "a toda a sociedade galega" a sumarse ás mobilizacións do feminismo.
"Dende o BNG estaremos co feminismo galego de base e reivindicamos tamén que as administracións teñan ambición política para facer da violencia machista e da súa erradicación o centro da axenda política", concluíu.