Catalunya, #27S: Continúa a batalla do unionismo contra o independentismo

[Imaxe ANC]

A marcha da campaña catalá estivo marcada recentemente pola posición do Cercle d'Economia que rexeita calquera vía unilateral de independencia pero que entende que cómpre non ignorar -en caso de se confirmar- a maioría independentista resultante das eleccións do 27 de setembro.

 

A organización empresarial catalá aposta por unha solución pactada co Estado que permita a realización dun referéndum legal que dea solución ao conflito. 

Este feito foi protagonista nun encontro no que participaron Artur Mas, president de la Generalitat, canda os economistas Oriol Amat e Elisenda Paluzie -número 7 e 72 respectivamente da lista de Junts pel Sí-, os cales defenderon a viabilidade dun sistema de pensións catalán que, debido ás menores taxas de desemprego e de envellecemento respecto á media do Estado, permitiría "unha suba das prestacións", afirmou Amat. Mas, respecto ás declaracións do Cercle, salientou que non se pode chegar a nada acordado entre dúas partes se unha non quere, en referencia ao goberno de Madrid.

Miquel Iceta, candidato do PSC, aproveitou a xornada do mércores para confirmar que a súa formación non está contra unha consulta pactada co Estado que permita mellorar o encaixe da actual comunidade autónoma no Estado. Desde a localidade xironesa de Roses, Xavier Garcia Albiol, presidenciable polo PP, rexeitou calquera consulta que poña en dúbida a indisolúbel unidade do Estado e amosou a súa intención de mobilizar as rúas en caso que haxa unha declaración de independencia. Intención que non preocupa na CUP - Crida Constituent, xa que, como declarou Anna Gabriel -número dous da lista- "as mobilizacións a prol da unidade sempre foron un fracaso". 

Albiol (PP) amosou a súa intención de mobilizar as rúas en caso de se declarar a independencia

Lluís Rabell, candidato de Catalunya Sí que Es Pot, referiuse directamente ao pasado do candidato popular coma franquista e Duran i Lleida, presidente de Unió, apelou ao catalanismo histórico para que a súa formación, que segundo as enquisas pode quedar fóra do Parlament, obteña representación. A aposta pola formación que durante anos compuxera CiU foi definida polo candidato dos populares coma "tirar o voto". Inés Arrimadas, a única candidata á presidencia da Generalitat entre as organizacións con representación, reiterou que Ciutadans endexamais vai apoiar ningunha acción que proporcione calquera posibilidade que Catalunya rache co Estado e rexeitou a valoración do Cercle d'Economia.