Vázquez González e García Montes presentan querelas polas torturas sufridas na transición
A Coordenadora Estatal en Apoio á Querela Arxentina (Ceaqua) informou esta sexta feira en rolda de prensa da presentación de dúas novas querelas por torturas no franquismo e especialmente na transición. No Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), antiga prisión, xulgados e lugar de torturas na ditadura e na transición, informaron de que estas querelas, formuladas por Jesús Vázquez González e Francisco Domingo García Montes, diríxense nomeadamente contra 12 axentes da Sección Local da Investigación Social do CXP de Vigo e dous do servizo de información da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
As novas querelas súmanse ás xa presentadas este mesmo ano por torturas por Manuel Reboiras, irmán de Moncho Reboiras, dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) asasinado pola Policía española en 1975; e Xosé María Brañas, preso político da UPG entre 1975 a 1977. A de Manuel Reboiras é a única querela galega que está a ser tramitada, neste caso, no xulgado de Padrón; a de Brañas foi desestimada e na actualidade está a ser recorrida pola defensa. En total presentáronse seis querelas desde Galiza das 115 totais que Ceaqua está e levar en todo o Estado.
Detencións a punta de pistola
A detención “a punta de pistola” de Jesús Vázquez González e Francisco Domingo García Montes produciuse nunha cafetaría de Vigo o 8 de xullo de 1976, case un ano despois da morte de Francisco Franco. A causa da mesma foi o descubrimento nunha vivenda que figuraba a nome de García Montes dun aparello de propaganda da UPG, partido nacionalista e comunista no que ambos militaban. A Policía descubriu así a militancia política e sindical que García Montes e Vázquez González levaban a cabo.
Tras seren retidos e incomunicados na comisaría da rúa Luís Taboada de Vigo durante cinco días nos que e foron sometidos de forma continua a torturas, foron postos a disposición xudicial e encerrados nas instalacións que hoxe ocupa o museo Marco de Vigo. A rolda de prensa, na que participaron Vázquez González e García Montes como querelantes, xunto con Irene Francés, avogada do equipo xurídico de Ceaqua que está a traballar nesta querela, centrouse na denuncia e no proceso xudicial.
Francés recalcou que estas torturas son delitos de lesa humanidade e, por tanto, crimes que non prescriben. Insistiu en que esta causa está amparada polo dereito internacional, polo que a Lei de Amnistía de 1977 -que se cita para non xulgar os crimes do franquismo e da transición- incumpre “o dereito internacional e os dereitos humanos” que “son de obrigado cumprimento”, recorda a letrada.
"Na Lei de Amnistía favoreceuse aos torturadores, algo inaudito nunha democracia”, lamentou Vázquez. Incidiron tamén na importancia dos valores “memoria, xustiza e reparación”, e na recuperación de espazos como o propio Marco para honrar estes valores. García Montes sinalou ademais a complicidade desta situación, por “colaboración e omisión”, sucesivamente, a PP e PSOE. Foi “estratéxica e intencionada a falta de medidas sobre a memoria”, denunciou.