Rueda, sobre a indemnización aos Franco: "Hai que acatalo, guste ou non"
A Xunta da Galiza insta o Goberno estatal a retomar as visitas ao inmóbel.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, manifestou, despois de coñecerse a sentenza do Tribunal Supremo que ratifica que o Pazo de Meirás pertence ao Estado e que os herdeiros de Franco teñen dereito a unha indemnización, que "se hai unha consecuencia indemnizadora, haberá que acatala", con independencia de que "guste ou non".
Manifestouno na mesma xornada na que se fixo público que o Supremo confirma que o Pazo de Meirás pertence ao Estado ao concluír que desde 1938 estivo destinado ao servizo da Xefatura do Estado, desestimando os recursos que interpuxeron os irmáns Martínez-Bordiú Franco, herdeiros do ditador.
Preguntado sobre a sentenza e a cuestión da indemnización, Rueda evitou profundar na súa valoración afirmando que aínda non a coñecía, mais valorou positivamente que a Xustiza sexa "clara". "E se hai algunha consecuencia indemnizadora, pois haberá que acatala guste ou non", resolveu.
Petición ao Goberno estatal
Fontes da Consellaría de Cultura consultadas por Europa Press ratificaron que a Xunta "respecta" a sentenza e celebra que o pazo de Meirás pertenza ao patrimonio público, mais remarcaron que agardan que agora que finalizou o proceso xudicial, o Goberno estatal, "propietario do inmóbel", recupere "cando antes" as visitas públicas, "sendo tamén esta Administración a que debe facerse cargo de calquera indemnización".
Neste senso, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo animou o Goberno estatal a que "abra e permita" que a cidadanía poida visitar o pazo na súa totalidade e non unicamente unha parte, como se fixo durante estes últimos cinco anos. "Ademais, o pazo conta coa catalogación de Ben de Interese Cultural (BIC) e, por tanto, ten a obrigación de abrir á cidadanía no horario marcado pola lei", remarcou Lorenzo nun acto na Cidade da Cultura.