A nova tumba de Franco noutro espazo público
Emilio Silva Barrera é o presidente da Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH), unha das pioneiras no Estado e das máis activas e influentes na presión aos distintos gobernos desde hai dúas décadas.
Silva envía a Sermos Galiza unha pequena mostra do novo destino dos restos de Franco: Mingorrubio, “un cemiterio para xente VIP”, ironiza o activista, neto de represaliado no Bierzo, que relata a lista de personaxe cuxos restos descansan alí: Carrero Blanco, Arias Navarro, Rafael Trujillo (ditador dominicano moi admirado en sectores franquistas), José Banús (construtor de Puerto Banús, entre outras), Nemesio Fernández de la Cuesta, Juan José Rosón (político galego que foi alto funcionario nos estertores do franquismo e despois ministro do Interior).
Mingorrubio, segundo informa hoxe La Vanguardia, está xestionado polo Concello de Madrid a través dunha empresa que recibiu a cesión dos terreos de Patrimonio Nacional. A solución do goberno non convence á ARMH.
“Era lóxico que o Supremo acordara o que acordou, porque, entre outras cousas, non lle pode negar a un goberno decidir que hai dentro dos espazos que del dependen”, opina Silva. E engade: “Agora estamos esperando o escrito do tribunal, porque no anterior lexitimaban o golpe de Estado do 36, esperemos que teña rectificado”.