Narón recupera a memoria da revolta popular de 1918
A Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918 congrega numeroso público que se achegou a Sedes, Narón, para recuperar a memoria dos feitos que aconteceron hai agora cen anos. Lidia Romero, presidenta da comisión, destaca o carácter participativo dos actos que están a ter lugar.
Sedes está a coller na xornada de hoxe, domingo, os actos que conmemoran a revolta popular de marzo de 1918, da que se fai o centenario e que deixou, cando menos, cinco mortes. Durante a mañá, o local social acolleu a palestra a cargo de Ana Pérez, Francisco Rodríguez, Joám Lopes e Lidia Romero. A propia Romero, afirma, en declaracións a Sermos Galiza, que a conferencia resultou participativa, “a xente do público interveu para contar algunha historia que tiña oído na casa e mesmo quen deu conta de familiares mortos na feira”. “Foron moitas as persoas que viñeron buscando información”, asegura.
A presidenta da Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918 afirma que o obxectivo principal desta xornada pasa por “recuperar a memoria”, “aquí hai unha serie de feitos que, incribelmente, na comarca de Ferrol son totalmente descoñecidos”. “Dun tempo a esta parte comezamos a interesarnos polo que acontecera e a verdade é que o que queremos é difundilo, máis que nada porque é a historia desta comarca e de Galiza”, agrega.
Tras a actuación musical de Xosé Luís Rivas “Mini”, terá lugar a ofrenda floral no monumento que veñen de inaugurar para conmemorar a revolta.
Monográfico De Nós
O primeiro número do monográfico De Nós, editado por Sermos Galiza S.A., realiza un percorrido polos masacres máis significativos que tiveron lugar o século pasado na Galiza. É o historiador e ensaísta Francisco Rodríguez Sánchez quen dá conta da revolta que tivo lugar en Narón no artigo “Transancos, marzo 1918: revolta popular coas mulleres na vangarda”.
Alén dos feitos acontecidos na terra de Trasancos, a publicación recolle as revoltas de Salcedo, Oseira, Nebra, Sofán e Sobredo, con textos da autoría de Xosé Álvarez Castro; Xosé Ramón Ermida Meilán; Eliseo Fernández; Xan Fraga; Xosé Manuel Suárez Estévez; Antón Capelán Rei e Lucía Veciño Souto.