Moncho Valcarce: Un militante, un profeta, un cura e un místico
O doutor en Teoloxía pola Universidade de Salamanca e en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela Victorino Pérez Prieto recupera para Sermos Galiza o perfil de Moncho Valcarce (1935-1993) no ano en que se conmemora o 25 aniversario do falecemento do coñecido como “crego das Encrobas”. Nas próximas semanas seguirán a sucederse actos de lembranza da figura de Valcarce. Eis un extracto do texto publicado no número 295 de Sermos Galiza.
Moncho Valcarce foi un militante político ao xeito dos vellos profetas bíblicos: subversivos da orde establecida, inxusto e opresor cos máis febles. De mozo, toma conciencia crítica da hipocrisía da clase á que pertence; esa sensibilidade social foi radicalizándose na descuberta e compromiso cun pobo e unha terra: “A dura realidade que tropezas en Galiza, á luz do Evanxeo supón que ou estás cos pobres, cos oprimidos, ou estás co poder” (Entrevista de Gumersindo Campaña, 1990).
Este compromiso liberador supón: “espertar no Pobo o espírito de corresponsabilidade social e crítico”. “Fundirse co Pobo... darlle vida e arelas de prosperar” e a promoción da xustiza e os dereitos humanos, individuais e comunitarios. “Defensa dos dereitos dunha nación asoballadas por un Estado, que lle nega a soberanía” (O compromiso sociopolítico dun presbítero nunha realidade concreta: Galicia, Salamanca 1988).
Moncho foi un militante madurecido no sufrimento e na represión, como expresa nas páxinas do Caderno de Poio (1974): “Loito pola liberdade que nace da miña fe cristiá, da miña fe na Palabra de Deus... Xesús estaba contra a orde establecida... A misión de Xesús segue onde a lingua e a cultura dun pobo é encadeada, cando non deixan a ese pobo ser protagonista”.
[Podes ler a peza íntegra no número 295 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]