Os guerrilleiros antifranquistas José Galán e Manuel Ramiro xa descansan no cemiterio de Almeiras, a súa parroquia natal

Familiares de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto recollen os restos mortais dos dous membros da guerrilla antifranquista asasinados en 1952 en Mesía, en Culleredo. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Decorreu en Culleredo un emotivo acto no que a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) entregou ás súas familias os restos dos dous guerrilleiros.

O salón de plenos do Concello de Culleredo (comarca da Coruña), acolleu esta segunda feira un emotivo acto no que a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) entregou ás súas familias os corpos de José Galán e Manuel Ramiro Souto, guerrilleiros antifranquistas asasinados pola Garda Civil en Visantoña, Mesía, en 1952.

A cerimonia contou coa participación de José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo, municipio do que eran orixinais os dous membros da guerrilla antifranquista, e de Mariano Igrexas, rexedor de Mesía, lugar onde foron achados os seus restos en agosto do ano pasado. Tamén asistiron membros da ARMH —entre eles, o seu presidente, Emilio Silva—, responsábeis da exhumación, ademais de veciñanza e familiares de ambos os represaliados.

O salón de plenos de Culleredo acolleu este 25 de agosto un emotivo acto. (Foto: ARMH)

 "Esta xente atreveuse a nomear a palabra liberdade cando che podía custar a vida", recalcou Emilio Silva, tras lamentar que "as vítimas da ditadura aínda son tratadas coma se fosen nun vagón detrás do tren".

Para Rioboo foi "un día de emoción fonda e xustiza histórica" xa que "73 anos despois, estes veciños regresan á súa casa". "Que sirva para que nunca máis se persiga a ninguén por defender as súas ideas", aseverou. Na mesma liña, Igrexas insistiu na "obriga" das institucións de "que non se esquezan cousas que sucederon e nunca deberon suceder".

A cantautora Bea a de Estrella tamén participou no acto cunha canción, "Alborada dos nomes sen medo", composta especialmente para a homenaxe a José Galán e Manuel Ramiro Souto. 

Os rexedores de Mesía e Culleredo, Mariano Igrexas e José Ramón Rioboo, este 25 de agosto ante os restos de José Galán e Manuel Ramiro Souto. (Foto: ARMH)

A homenaxe trasladouse despois ao cemiterio de Almeiras, parroquia onde naceran Galán e Ramiro, onde foron enterrados os restos, antes dun encontro de confraternidade no centro cultural do lugar que pon fin a unha xornada que busca restituír a memoria e dignidade destes guerrilleiros antifranquistas. As súas familias recibiron os restos en caixas cubertas con senllas bandeiras da Galiza e unha rosa vermella, e chegaron ao cemiterio mentres unha banda de gaitas interpretaba o Himno do Antigo Reino da Galiza. Así mesmo, exhibíronse botas atopadas na fosa común na que foron soterrados.

"Hoxe termina un capítulo da nosa historia familiar que necesitaba un feche", sinalou un sobriño de José Galán, Alberto Gómez, visibelmente emocionado e para incidir en que o seu tío foi "asasinado por defender a liberdade e a igualdade social". Pola súa banda, a prima de Manuel Ramiro, Teresa Ramiro, destacou a "historia de loita e valentía" do seu parente. "Non debemos permitir que as súas memorias morran con eles", advertiu.

Busca e exhumación

A ARMH localizou en agosto do ano pasado os dous corpos que buscaba no cemiterio de Visantoña, Mesía. O achado, declarou na altura o coordinador dos traballos de exhumación, Marco González, "é a mellor homenaxe que se lle pode facer a todos os homes e mulleres que foron asasinados por defender a liberdade tanto na Galiza como no Estado español".

Os corpos de Galán e Ramiro foran soterrados unha semana despois do seu asasinato nunha "foxa aberta ao efecto, distante dous metros da esquina dereita da parte posterior da Igrexa e a un metro do muro de feche do cemiterio".