Investigadores e familias das vítimas analizan a represión franquista

Manuel Bragado, Montse Fajardo e Kiko Dasilva. (Foto: Xan Carballa - Nós Diario - Ana Isabel Rey Lamas)
Montse Fajardo e Conchi López abren o ciclo en Vigo.

O auditorio do Museo da Arte Contemporánea de Vigo (Marco) acolle esta quinta feira, 22 de xaneiro, a primeira sesión do ciclo 'Memoria democrática. Vítimas da Guerra Civil e da ditadura na provincia de Pontevedra'. Nas xornadas, organizadas polo Ateneo Atlántico, participan profesionais de diferentes ámbitos entre os que se encontran a xornalista Montse Fajardo, o editor Manuel Bragado, o ilustrador Kiko da Silva e o escritor Pepe Álvarez Cáccamo.

O ciclo achega palestras con investigadores e familiares de vítimas do réxime franquista. "O proxecto xurdiu para recuperar a memoria colectiva duns acontecementos que marcaron drasticamente a historia do Estado e para levar ese coñecemento a diversos ambientes sociais para dignificar as vítimas", explica a Nós Diario Miguel Pérez Pereira, membro de Ateneo Atlántico e impulsor do ciclo. No programa inclúense tamén charlas nos colexios e institutos de Vigo para que "a xente nova coñeza de primeira man o que aconteceu, pois hai moita desinformación, ás veces preséntase a ditadura de Franco e a Guerra Civil como un conflito entre dous bandos, pero foi moito máis", afirma Miguel Pereira. "Existiu un golpe de Estado contra a sede constitucional e legal e houbo unha persecución premeditada contra a xente republicana, pois os nacionais querían exterminalos a todos", engade.

"O que fixeron foi un auténtico masacre, unha persecución atroz. Reprimiron miles de persoas e nunca se fixo unha investigación real sobre o acontecido, aínda que agora si se vai estudando esta cuestión". Hai equipos de investigación como o Histagra, da Universidade de Santiago de Compostela, ao que pertence Conchi López. Ela, xunto á xornalista e especialista en memoria histórica  Montse Fajardo, colaboradora deste xornal, impartirá mañá a conferencia inaugural: 'O papel da investigación na memoria democrática'.

A programación trata tamén os campos de concentración. "Cando se fala de campos de concentración semella que só existiron os nazis, mais houbo moitísimos no Estado e na Galiza. Nesta zona houbo tres, Oia, Camposancos e a illa de San Simón", explica Miguel Pérez. "Houbo familias que foron aniquiladas. É un milagre que existan descendentes delas e que teñamos a sorte de poder contar con algúns deles e delas para o proxecto". Pereira fai fincapé na situación de Ucraína e Gaza, comparándoa co contexto da Guerra Civil e do réxime franquista, a pesar da diferencia temporal. "Desde o punto de vista da humanidade, é crueldade absoluta", engade. "A medida que afondo máis no tema doume de conta da magnitude do desastre humano que se levou a cabo. Hai infinidade de vítimas: persoas fusiladas, enviadas a campos de concentración, desterradas, ou afastadas dos seus traballos, como foi o caso de moitas mestras e mestres.

A segunda palestra será o 10 de febreiro, a cargo de Manuel Bragado, Pepe Álvarez Cáccamo, Jacinto Mosquera e Xavier Moreda, na praza da Miñoca de Vigo e co título 'Vítimas do golpe de estado. Testemuños de familiares e amigos'. O 25 de marzo o IES Politécnico acollerá a palestra sobre os campos de concentración con Cristina Caramés e Domínguez Freitas. Kiko Dasilva presentará a banda deseñada 'Regreso á Illa de San Simón', o 14 de abril no IES O Castro. 'Perseguidos da ditadura 1950-1975' será a charla de Carlos Núñez, Miguel Gómez 'Gus', Silvia Fernández e Flor Baena, o 15 de maio na sede da Once. Francisco Etxebarría pon o ramo o 11 de xuño de novo no Marco coa palestra 'O dereito á memoria, á dignidade e á reparación'.