O Goberno estatal nega que “eliminen” Meirás e San Simón das previsións de Lugares de Memoria Democrática
Os expedientes incoaranse no mes de setembro.
O Goberno estatal afirma que mantén o seu obxectivo de que o Pazo de Meirás e a illa de San Simón sexan declarados e recoñecidos como Lugares de Memoria Democrática. Así o aseverou esta quinta feira nunha resposta á denuncia da CMRH da Coruña de que ambos os dous lugares ficaban excluídos desas declaracións.
Ante esta nova, desde o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática afirman que "é totalmente falso que o Goberno elimine o Pazo de Meirás e San Simón da previsión de declaración de Lugares de Memoria Democrática".
Aseguran que "está previsto e pendente de publicar no BOE, en próximas datas, a incoación dos expedientes de lugar de memoria" e aclaran que "o feito de que non aparezan na programación de actos de agosto non significa que non se vaian a facer".
De feito, conclúen, eses expedientes "incoaranse en setembro".