Familiares dos doce fusilados no Castro presentan en Vigo unha 'Oficina da Memoria'

Ofrenda floral no lugar do Castro, en Vigo, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
Vigo, acolleu esta terza feira unha ofrenda floral en lembranza das doce persoas fusiladas nese lugar en 1936. Nun acto posterior anunciouse que causas de todos os xuízos realizados na Galiza entre 1936 e 1975 estarán nunha web. 

O monte do Castro, en Vigo, acolleu esta terza feira unha ofrenda floral en lembranza das doce persoas fusiladas nese lugar en 1936 tras o golpe de Estado. Tras o acto, a homenaxe continuou no barrio de Coia coas intervencións do activista e familiar de varias das vítimas represaliadas, Xavier Moreda, e do investigador Xurxo Martínez González. A iniciativa partiu das familias dos asasinados tras recuperar no Arquivo Militar de Ferrol a causa xudicial pola que foron sentenciados a morte. 

Oficina da Memoria

No propio acto presentouse tamén a creación dunha páxina web co nome de Oficina da Memoria, na que se poderán ver "copias de todas as causas, non só esta, de todas as vítimas do franquismo desde 1936 até 1975, algo que agora mesmo é dificil".

A razón de escoller este período, segundo explica a Nós Diario Xurxo Martínez, é que "hai persoas asasinadas neses anos que parece que quedan en terra de ninguén e é necesario contrarrestar os discursos do revisionismo". A iniciativa ábrese a recoller as achegas das familias de persoas represaliadas. 

A causa dos doce

"Na documentación aparecen 23 persoas acusadas de matar o empresario falanxista Estanislao Núñez ao día seguinte de comezar o golpe na cidade”, relata Martínez. Nesa causa dise "que se autorizou a revisar o chalé onde vivía para comprobar se tiña armas".

Cando se inicia o golpe "volven e requisan unha escopeta e, xa fóra, os milicianos reciben disparos dunha metralladora". Na causa dise que cando se produce o asalto da casa, a familia escapa mais non Núñez, que se agocha, descóbreno e posteriormente é fusilado. 

A "lección" da represión

"Non había testemuñas suficientes do que aconteceu, segundo os dous alférez que exerceron de avogados defensores e o propio fiscal", indica Martínez. A pesar de que as autoridades recoñeceran que non había probas que inculparan estas persoas, "o fiscal pediu a pena de morte para os 23". Para Martínez, a idea era "dar unha forte lección tras a morte do falanxista". Todas as persoas procesadas facían vida normal e acudiron voluntariamente cando as chaman e xa non saíron.

"Había unha menor e varias mulleres, algunha acusada de roubar libros", indica Xurxo Martínez. Na causa aparece mecanografada a petición de cadea perpetua do fiscal e por riba, escrito, a frase "a morte". A sentenza condena, ao final, trece persoas e posteriormente o Goberno franquista en Burgos conmuta unha das condenas "a  cadea perpetua por ser muller".