Un estudo xenético apunta que Colón descendía da liñaxe da nobreza galega dos Soutomaior
Un estudo publicado este mes achega por primeira vez evidencia xenética compatíbel coa hipótese de que Colón era de ascendencia galega e procedía da nobreza galega, concretamente da liñaxe dos Soutomaior, segundo recolle Euronews.
"Cinco séculos despois do primeiro viaxe a América, a pregunta sobre quen era realmente Cristóbal Colón segue aberta. A versión oficial reflectida nos libros de historia é que Colón naceu en Xénova, foi o mariño de orixe humilde que convenceu os Reis Católicos de financiar a viaxe ás Indiais". Esa orixe leva décadas sendo cuestionada por historiadores, lingüistas e, máis recentemente, xenetistas.
O último capítulo deste debate chega desde unha cripta de Gelves, municipio andaluz onde repousan polo menos sete descendentes directos do almirante. Un equipo de investigadores do laboratorio Citogen e a Universidade Complutense de Madrid publicou un preprint en 'bioRxiv' (PDF/PDF) cos resultados da terceira fase dun proxecto que comezou cunha exhumación en marzo de 2022.
As súas conclusións sinalan o nobre galego Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, como devanceiro directo da liñaxe de Colón.
Todo parte dun dato que non cadraba. Ao analizar o ADN de 12 individuos exhumados na cripta familiar dos condes de Gelves, os investigadores atoparon que dous deles compartían material xenético sen que os documentos históricos xustificasen ese parentesco.
Un era Jorge Alberto de Portugal, terceiro conde de Gelves e tataraneto de Colón. A outra era María de Castro Girón de Portugal, condesa consorte do século XVII que entrara na familia por matrimonio e cuxo liñaxe era galego, era filla do IX conde de Lemos. Que dúas persoas sen relación documentada partillen ADN só pode explicarse dun xeito: teñen un devanceiro común que os rexistros non recollen. O equipo aplicou un modelo computacional sobre 16 xeracións de xenealoxías para identificar a ese individuo.
A análise sinalou, de forma unívoca segundo os autores, a Pedro Álvarez de Soutomaior. "Para corroboralo, recorreron á chamada técnica de Virtual Knock-out: cando eliminaban virtualmente a Pedro Madruga da árbore xenealóxica, o vínculo xenético entre os dous individuos desaparecía. Ningún outro devanceiro, entre os centos analizados, era capaz de producir o mesmo efecto".
A tese do Colón galego vén de vello pero a súa filiación con Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, outro grande rebelde contra Castela do século XV galego, arranca de 1977. Naquela altura, o mariño e investigador vigués, Alfonso Philippot Abeledo, formulou a súa tese respecto de que Madruga e Colón eran a mesma persoa.