Entidades sociais, culturais e políticas homenaxean a Bóveda no Día da Galiza Mártir

Alexandre Bóveda

A Fundación que leva o nome do ilustre galeguista xunto con outras entidades sociais, culturais e políticas, renderanlle máis un ano homenaxe o 17 de agosto

 

Coma cada ano este 17 de agosto desenvolveranse en distintos puntos do país actos na honra de Alexandre Bóveda con motivo do Día da Galiza Mártir. Pontevedra, Poio, A Coruña ou Vilagarcía acollerán actos políticos, civís e institucionais para homenaxearen ao pai do Estatuto do 36 e insigne membro do Partido Galeguista. 

Após 77 anos do seu fusilamento na Caeira (Poio) a mans do fascismo golpista español, Galiza renderá honras a unha das figuras centrais do nacionalismo galego. Alexandre Bóveda volverá ser lembrado máis un ano o vindeiro sábado 17 de agosto.

Poio e Pontevedra

Coa colaboración dos concellos de Poio e Pontevedra a Fundación Alexandre Bóveda desenvolverá o tradicional acto institucional (13.00h) fronte o monumento que lembra o seu asasinato. Coa participación do vicepresidente da Fundación, Xosé Luís Bóveda (neto do galeguista) e a da súa filla, Amalia Bóveda, a corporación municipal do Concello de Poio --representada polo seu alcalde, o nacionalista Luciano Sobral e a concelleira de Cultura-- lembrarán a figura do ilustre político executado polos falanxistas cunha ofrenda floral.

Após o xantar --ao que a Fundación convida a se anotar-- onde se entregará o VIII Premio da Galiza Mártir pola súa contribución á recuperación da memoria ao proxecto Nomes e Voces. a Fundación Alexandre Bóveda organiza un acto cívico no cemiterio de San Amaro (19.00h) e un acto político en Pontevedra (20.00h) que contará coa participación do rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

A Coruña e Oleiros

Tamén así a cidade da Coruña lembrará máis un ano ao galeguista. Desta volta o acto organizado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda terá lugar ás 20.00h no Paseo que leva o seu nome (zona de Catro Camiños) a véspera do Día da Galiza Mártir. A sexta feira 16 de agosto. 

Aliás, o domingo 18 de agosto o BNG de Oleiros e a Asociación Cultural Vieiros conmemorarán o fusilamento de Bóveda ás 20.00h na Praza da liberdade de San Pedro de Nós. 

Vilagarcía

Desde o Bloque Nacionalista Galego organizan unha ofrenda floral en recordo ao político fusilado perante o monumento situado na vila de Ogrobe. O acto terá lugar o 16 de agosto ás 20.30h.