'Crónicas dun non', o documental que recupera a loita dos insubmisos galegos

Paco Bonos, Duarte Crestar, Encarna Otero, Fernando Rodríguez "Peñaño" e Modesto Toribio , este 10 de xullo. (Foto: Nós Diario)
“A mili acabouse pola xuventude organizada que se declarou insubmisa, non polo que decidira ningún partido nun despacho”, sentencia o director do filme, Fernando Rodríguez 'Peñaño', que foi "o primeiro insubmiso encadeado na Galiza".

O 9 de marzo de 2001 un decreto do Goberno español remataba co servizo militar obrigatorio, a chamada “mili”. Esta quinta feira, na Sala Capitol de Compostela estreouse o documental Crónicas dun non, dirixido por Fernando Rodríguez, 'Peñaño', que narra en primeira persoa e coa participación coral de moitos protagonistas, a súa historia como “o primeiro insubmiso encadeado na Galiza”. Peñaño ingresou en agosto de 1989 na Prisión Militar de Caranza (Ferrol), logo de declararse insubmiso diante da chamada a filas por parte do Estado español.

“Facía moitos anos que tiña na cabeza contar a historia”, explicou antes da estrea dun documental no que en primeira persoa conta o seu periplo vital. “A mili acabouse pola xuventude organizada que se declarou insubmisa, non polo que decidira ningún partido nun despacho”, sentencia. Apela á historia e reprocha ao PSOE e ao PP o feito de térense negado reiteradamente a atender as demandas do movemento insubmiso. E pon en valor algo que acontecía de forma común nos comezos da democracia co servizo militar: “A moitos ofrecíanos a posibilidade de amañar o noso papel, pero non aceptamos porque o que queríamos era rematar coa mili”.

Case un cuarto de século despois, o documental Crónicas dun non encheu esta quinta feira as máis de 250 localidades da Sala Capitol de Compostela, entre o público, moitos dos que achegaron o seu testemuño, experiencia e coñecementos na loita do movemento insubmiso na Galiza.

Encarna Otero, Duarte Crestar, Manuel Rivas, Xoán Antón Pérez-Lema, Martázul, Elías Rozas, Nuria Grandío ou Camilo Nogueira achegan o seu gran de area neste documental que, segundo o seu director, ademais de facer memoria pretende “explicarlle aos mais mozos unha realidade que descoñecen e que podería volver atrás” logo da escalada bélica actual a nivel mundial.

Do documental, o seu director destaca anécdotas coma o feito de contar coa participación do “xuíz que me xulgou”, Manuel Belenguer. Peñaño entrou por insubmiso no cárcere de Caranza en agosto de 1989, saíu en liberdade condicional pero tivo que agardar catro anos o seu xuízo por insubmisión. Explica que nese tempo, en 1993 modificouse a lei que pasaba estes procesos dos tribunais militares aos civís, e o seu caso recalou en Pontevedra, onde Belenguer acababa de coller destino como xuíz. “Chameino e aceptou encantado para explicar desde o punto de vista legal os cambios que se foron producindo”.