A Coruña solicita que a península da Torre de Hércules sexa Lugar de Memoria Democrática

Ondas fronte a Torre de Hércules, na Coruña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Casa Cornide e a Casa Museo Casares Quiroga tamén aspiran a ter este recoñecemento.

O Concello da Coruña remitiu esta semana ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática a petición formal para que tres espazos da cidade sexan declarados como Lugar de Memoria Democrática.

En concreto, os puntos da cidade herculina sobre os que demanda este recoñecemento trátanse da Casa Cornide, da península da Torre de Hércules, Punta Herminia e Campo da Rata, así como da Casa Museo Casares Quiroga.

Ademais, o concelleiro de Cultura e Turismo, e responsábel municipal de Memoria Histórica, Gonzalo Castro, xa adiantou o pasado 17 de febreiro a intención do Executivo municipal de que a casa museo da rúa Panadeiras figurase nesta lista.

"Desde o Goberno de Inés Rei queremos pór en valor aqueles espazos simbólicos na loita polos valores democráticos que existen na Coruña e que toda a cidadanía poida vinculalos a distintos feitos históricos", apuntou Castro.

Símbolos da memoria

Segundo indicou o Goberno local, tanto o Concello como o Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide consideran que a Casa Cornide "cumpre todas as condicións da Lei de Memoria Democrática para ser declarado Lugar de Memoria Democrática".

No caso da Casa Museo Casares Quiroga, o informe remitido ao Goberno español polo Executivo municipal da Coruña sostén que esta casa e os seus moradores están "intimamente vinculados" á defensa dos valores democráticos.

Por último, a proposta de que a Torre de Hércules, Punta Herminia e o Campo da Rata sexan catalogados como Lugar de Memoria Democrática, débese a que alí atópanse símbolos como o antigo cárcere, o Monumento aos fusilados da Guerra Civil ou o Cemiterio Municipal de San Amaro, entre outros.