Coñeces a historia do naufraxio de ‘Santa Isabel’ que deixou 214 persoas mortas e das heroínas de Sálvora?
Hai 104 anos, naufragaba fronte a illa de Sálvora, o transatlántico Santa Isabel, provocando a morte de 214 persoas.
Pasou a historia como Titanic galego e non é para menos. O seu naufraxio xerou unha das maiores traxedias navais da Galiza, cuxa memoria continúa aínda viva na memoria popular das xentes da ría de Arousa.
A madrugada de 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, batía contra as rochas próximas a illa de Sálvora, no concello de Ribeira, na ría de Arousa, no medio dun forte temporal de suroeste con fortes chuvascos.
O sinistro provocou tres vías de auga no casco e as circunstancias meteorolóxicas dificultaron os operativos de rescate dos pasaxeiros postos en marcha pola tripulación da embarcación.
O investigador e especialista en historia naval, Fernando Patricio Cortizo explicou as circunstancias daquela traxedia nun traballo publicado nun coleccionábel de Nós Diario sobre os naufraxios na Galiza.
O sinistro
Patricio Cortizo apuntou que “sobre as 2.30 da mañá arriouse o primeiro bote salvavidas, o número 6, con tripulación e pasaxe a bordo que por desgraza remataría esnaquizado polo mar contra as rompentes de Sálvora. Avanzada a madrugada, conséguese arriar un segundo bote salvavidas con náufragos a bordo, correndo a mesma sorte que o primeiro”.
“A metade da pasaxe morrerá afogada”, escribiu Patricio Cortizo, quen explicou que “a auga penetrara de contado polas fendas abertas no casco, asolagando a proa e o vapor até a metade da eslora do buque. Houbo pasaxeiros que presos do pánico comezaron a guindarse ao mar para tentar chegar á costa a nado. A meirande parte morrerían afogados ou desfeitos os seus corpos ao seren batidos polas ondas contra as pedras”.
A traxedia puido ser maior se non fora pola acción heroica das mulleres e homes de Sálvora, e polas tripulacións dos pesqueiros Rosiña, Nimo II e Virgen del Carmen de Ribeira.
As Heroínas de Sálvora
Cipriana Oujo Maneiro de 24 anos, Josefa Parada Crujeiras de 16 anos e María Fernández Oujo de 14 anos, coñecidas para como as Heroínas de Sálvora, foron para sempre os nomes propios que simbolizan o comportamento heroico das xentes do mar de Arousa nesa xornada”.
Patricio Cortizo lembrou que “a bordo dunha dorna polbeira”, esas tres mulleres, “fixeron tres viaxes dende a praia de onde saíran até o lugar de naufraxio, para rescatar un bo número de náufragos que aínda se mantiñan a flote e con vida, coas primeiras luces do día”.
Foi a quinta maior traxedia marítima acontecida na costa galega na súa historia. Só se salvaron 56 persoas deste buque conformado por 80 tripulantes, con capacidade para albergar 428 liteiras para emigrantes e un máximo de 100 prazas para viaxeiros de primeira e segunda clase