O Concello de Lugo inaugurou unha escultura en homenaxe a Moncho Reboiras
O Concello de Lugo inaugurou este sábado 27 de decembro un busto en lembranza do militante nacionalista asasinado polo policía española en agosto de 1975, Xosé Ramón Reboiras Noia.
O monólito dedicado a Reboiras está emprazado a carón do Vello Cárcere de Lugo, un espazo que recupera a memoria de miles de persoas vítimas da represión franquista e convertido en referencia para actos de reivindicación democrática.
O acto de inauguración da escultura, promovida polo Concello de Lugo, reuniu un cento de persoas que escoitaron as intervencións da concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, do tenente de alcalde, Rubén Arroxo, do irmán do homenaxeado, Manuel Reboiras, e de Rubén Cela, que falou en representación Comisión Organizadora da Homenaxe a Moncho Reboiras.
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, explicou as razóns que levaron ao Concello de Lugo a promover este acto de homenaxe a Reboiras e incidiu na actividade desenvolvida desde a súa concellaría a prol da memoria democrática.
"Foi un militante exemplar"
Rubén Cela destacou o labor desenvolvido pola Comisión Organizadora da Homenaxe a Moncho Reboiras, da que fan parte antigos compañeiros de loita do dirixente da UPG asasinado e as fundacións Galiza Sempre, Moncho Reboiras e Terra e Tempo e significou o traballo político do nacionalista homenaxeado.
"Foi un militante exemplar", afirmou Cela de Reboiras, "da súa terra e do seu tempo, comprometido e entregado en corpo e alma á causa nacional galega e á defensa das súas clases populares". Neste sentido, asegurou que "ese, e non outro, foi o motivo fundamental do seu asasinato".
Cela explicou que "só desde as conviccións máis profundas, desde a clarificación ideolóxica, desde una vontade de ser útil ao país e desde a consideración do movemento nacionalista como algo que vai alén da propia biografía vital de cada un é explicábel a súa entrega e a de toda unha xeración".
O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo destacou a importancia de recuperar a memoria democrática e resaltou a achega de Reboiras "á loita contra o franquismo, organizando e impulsando forzas políticas nun tempo en que estaban prohibidas pero tamén asociacións culturais en defensa da lingua galega".
"Foi unha figura clave na organización da clase traballadora galega e impulsor do Sindicato Obreiro Galego, antecedente da actual CIG", apuntou Arroxo, quen lembrou a contribución de Reboiras á creación "da Asemblea Nacional Popular Galega, da que xurdiu anos máis tarde o actual BNG".
Un chamado a homenaxear Reboiras en todos os concellos
Arroxo fixo na súa intervención "un chamamento a todos os concellos do país a que, por xustiza, leven adiante algún tipo de homenaxe a Moncho Reboiras", como xeito de lembrar "a aquelas persoas que o deron todo na loita contra o franquismo e a prol da democracia".
Manuel Reboiras, irmán do homenaxeado e el mesmo represaliado pola súa actividade contra o franquismo como militante da UPG, nunha intervención moi breve agradeceu o acto en lembranza de Moncho Reboiras.