O Concello de Lugo inaugura un monólito de homenaxe a Reboiras

Monólito de Reboiras. (Foto: Nós Diario)

O acto desenvolverase o sábado 27 ás 11:30 horas

O Concello de Lugo inaugura este sábado 27 de decembro ás 11:30 un busto en lembranza ao militante nacionalista asasinado polo policía española en agosto de 1975, Xosé Ramón Reboiras Noia. No acto intervirán o tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, un membro da familia Reboiras e Ruben Cela, en representación Comisión Organizadora da homenaxe a Moncho Reboiras, da que fan parte antigos compañeiros de loita do dirixente da UPG e as fundacións Galiza Sempre, Moncho Reboiras e Terra e Tempo

O busto, elaborado nun obradoiro de escultura de Lugo, colocarase xunto ao Vello Cárcere, un espazo cargado de memoria e xa convertido en referencia para actos de reivindicación democrática. A este respecto, o tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, sinala a Nós Diario que esta actividade esta en liña co traballo desenvolvido desde a póla nacionalista do Goberno lugués de recuperar a memoria das persoas represaliadas polo franquismo.

Arroxo destaca que a estatua a Reboiras, "concibida como unha intervención artística destinada a reforzar a memoria democrática na cidade" busca "dar visibilidade a unha persoa asasinada unicamente polos seus ideais en tempos de ditadura". Nesta dirección, incide na súa achega "á loita contra o franquismo, organizando e impulsando forzas políticas nun tempo en que estaban prohibidas pero tamén asociacións culturais en defensa da lingua galega".

"Foi unha figura clave na organización da clase traballadora galega e impulsor do Sindicato Obreiro Galego, antecedente da actual CIG, e da Asemblea Nacional Popular Galega, do que xurde o BNG", salienta Arroxo, quen lembra que "non foi até 2009 cando o Estado o recoñeceu oficialmente como vítima do franquismo, malia tratarse da última persoa asasinada polo réxime na Galiza".

O asasinato de Reboiras

Reboiras foi abatido polas de seguridade do franquismo na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois dun operativo policial no barrio ferrolán de Canido. Durante máis de dúas horas conseguiu fuxir polo interior do inmóbel e polos tellados, até ser finalmente alcanzado e asasinado no portal dun edificio da rúa da Terra. O seu asasinato converteuse nun símbolo da represión tardofranquista e da resistencia política na recta final da ditadura.