VÍDEO | Compostela recobra a memoria dos anos máis escuros baixo a represión do franquismo
Houbo unha Compostela que puido ser e non foi. Como o resto de cidades e vilas da Galiza, o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 supuxo un punto e final —durante 40 anos— a un proceso que principiaba de dereitos, liberdades e conquistas sociais, democráticas e nacionais. "Era un tempo de entusiasmo", definira aqueles anos da II República o escritor e pensador rianxeiro Rafael Dieste, que se viron coutados polo golpe franquista. Guerra de 1936/1939 en Compostela trata das consecuencias en diferentes campos deses primeiros anos en que a cidade é tomada polos 'vencedores'.
O historiador Rafael García, a doutora en Farmacia pola USC Beatriz Brasa, o controlador aéreo Xerardo Rodríguez e a xornalista Rosalía Macías, autores e autoras do libro, presentaron onte no Centro Sociocultural do Ensanche esta obra, nun acto no que tamén estivo presente a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao; e o cantautor Xosé Luís Rivas, 'Mini', que interpretou algúns dos temas que cantaban os presos do campo de concentración de Lavacolla (Compostela) e que ficaron na memoria da veciñanza.
Nós Diario conversa cos autores e as autoras deste libro unhas horas antes do acto. "Compostela, como o resto da Galiza, é dominada polos golpistas e o primeiro que se produce é unha mudanza nos poderes locais: o poder militar toma o control", explica Rafael García Ferreira. Empeza entón a aplicarse a "violencia da retagarda", dirixida polo novo poder militar e que ten "moitas vertentes", desde prisión e torturas até fusilamentos e asasinatos. "Mándase unha mensaxe á sociedade", sinala García Ferreira, referíndose a que a represión non se desata só sobre colectivos e persoas de esquerdas ou galeguistas. "É un golpe contra a República e a democracia, polo que tamén afecta persoas e políticos que eran de dereitas e demócratas".
Símbolos dos novos tempos de represión foron os tres espazos que se dispuxeron para presos en Compostela: o campo de concentración de Lavacolla, a cadea da Falcona e a prisión central Santa Isabel, "tres espazos diferentes, tanto polo tipo de presos que acollían como polas súas instalacións e funcións".
Dereito á memoria
"A memoria é un dereito e un deber, todas temos o dereito a coñecer o que pasou aquí naqueles anos e o deber de que iso non se perda", reflexiona Rosalía Macías, neta de Elisa Tobar, de 96 anos e naqueles anos unha nena dunha aldea da contorna de Lavacolla, onde houbo un campo de concentración que chegou albergar 2.400 prisioneiros de diferentes territorios do Estado nunhas condicións moi duras. "Alí cometéronse as canalladas máis grandes", dixera o preso Pedro Gómez.
"A miña avoa lembra que había relación os presos e a veciñanza, económica, pois ían até os barracóns dos presos a comerciar con mazás, por exemplo, ou roupa. Mais tamén houbo relacións de amizade e amor", di Rosalía Macías. "O meu bisavó coñeceu un dos presos, Alejandro Vargas, e el ía pola nosa casa cando podía e foi o que lle ensinou as cancións que cantaban os presos", temas populares da época ás que Vargas puña letras relacionadas coas condicións do presidio e que aínda se cantan entre os máis vellos de Lavacolla.
A xornalista lembra que na zona aínda fica algún barracón dos prisioneiros. "Sería bo actuar, declaralo lugar de memoria histórica, que non acabe sendo un hotel e restaurante sen que ninguén saiba o que alí houbo".
A pico e pa
Xerardo Rodríguez Arias salienta que "foi a xente do común" a que impulsou e sentou as bases para a posta en marcha do campo de aviación de Lavacolla. "Sen ese campo, non habería aeroporto en Compostela", indica. Os socios e as socias do Aeroclub Galiza de Aviación —a partir de 1932 Aeroclub Compostela —traballaron durante dous anos nos terreos para facer ese campo de aviación. Cando os golpistas se fan co poder na cidade, "obrigan os composteláns entre 18 e 50 anos a traballar dous días ao mes na construción do campo de aviación". Ademais, e durante tres anos, prisioneiros do campo de concentración tamén tiveron que traballar nesas obras.
Como se necesitaban máis brazos para as obras, as novas autoridades locais, sinala Xerardo Rodríguez, acordaron sancionar con traballos forzosos nos campos de concentración aquelas faltas cometidas na vía pública como podían ser "a blasfemia ou andar bébedo".
Farmacia Militar
A maioría da industria farmacéutica, tamén a militar, estaba na zona do Estado que se mantivo leal á II República. Por iso, explica Beatriz Brasa, os golpistas "decidiron que en Compostela houbese un laboratorio de Farmacia Militar para fornecer o Exército franquista". Un aspecto este que segue a ser un gran descoñecido na cidade. Brasa salienta a importancia do traballo das mulleres voluntarias neste laboratorio, así como que nel mesmo se fixesen traballos de investigación. Pon o exemplo das vendas con manganito de prata, que e foron un avance á hora de tapar e curar as feridas na fronte de guerra.
A doutora en Farmacia da USC apunta a unha situación que non deixa de ser paradoxal: "O éxito do Laboratorio susténtase en dúas cousas que non lle agradaban ao franquismo: o traballo das mulleres e o coñecemento e saber facer de profesionais e profesores 'desafectos' ao novo réxime".
De Rusia á Arxentina para acabar en Lavacolla: a canción dos presos
Oex docente, cantautor e ex deputado do BNG no Parlamento galego Xosé Luís Rivas, 'Mini', responsábel da exhumación de tres dos corpos dos paseados polos falanxistas e enterrados nunha das foxas comúns existentes nesa zona, a do Amenal, leira situada moi perto do aeroporto, tamén estivo onte no acto no Ensanche, Mini interpretou varias das “coplas” que escribiron e cantaron os condenados a traballos forzados no campo de concertación de Lavacolla; todas elas refírense á súa dura situación de prisioneiros e seguen a música de cuplés, tangos ou pasodobres famosos entre 1937 e 1943.
Mini pasou antes pola redacción de Nós Diario, onde tamén cantou algúns deses temas (e que se poden escoitar en nosdiario.gal), que aprende da veciñanza de Lavacolla. ""Lavacolla, lugar triste / No hay tranvías ni autobuses / Hay pulguitas y ratones / Lavacolla, lugar triste / Nos cansamos de picar / El relevo lo deseamos /que you creo que ya no ha de tardar". "A música deste tema", explica Xosé Luís Rivas a Nós Diario, "vén dunha canción rusa de finais do século XIX, Ollos Negros, que na década dos 20 e 30 do século XX popularizouse como tango (Ojos negros que fascinan, de Francisco Canaro). "Sobre esta melodía, o preso Alejandro Vargas escribiu unha letra que falaba da situación no campo", engade o cantautor de Boimorto (comarca de Arzúa).
Mini sinala outra das cancións dos presos ("Si quieres saber Mercedes / donde está mi paradero / campo de concentración de Lavacolla / donde ando prisionero"), cuxa toada é a da copla La Parrala, moi coñecida naqueles anos.