Comeza a exhumación dunha fosa da resistencia armada antifranquista en Teo

Integrantes do grupo Histagra traballando no cemiterio de Luou en Teo. (Foto: USC)

O estudo enmárcase no Plan Cuatrienal de Memoria Democrática, impulsado pola USC e a Xunta da Galiza.

O grupo Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) iniciou esta segunda feira os traballos de estudo e exhumación dunha fosa da resistencia armada antifranquista no concello de Teo (comarca de Compostela).

Precisamente, esta fosa está emprazada no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou, onde segundo os investigadores se atopan os restos de catro membros da V Agrupación, que foi comandada por Benigno Andrade, coñecido como Foucellas.

Ademais, a USC informou de que foron inhumados nesta fosa Ricardo Fernández Carlés, natural de Pontecesures; Florentino Menéndez Palacios, de Penarrubia (Sama de Langreo); Manuel Agrasar Cajaraville, o Barbarroxa, da Matanza (Iria Flavia, Padrón); e Vicente López Novo, coñecido como "o fillo da Nova", natural de Ribeira.

No informe histórico producido por Histagra, as diferentes fontes e relatos conducen a "diversas hipóteses" sobre o que ocorreu durante o enfrontamento que tivo lugar o 19 de maio de 1948 en Loureiro, parroquia de Luou.

No conflito, estes catro membros da V Agrupación foron abatidos e tamén un garda civil. Así, lograron escapar Foucellas (Benigno Andrade) e Xosé Ramuñán Barreiro.

Campaña de memoria 2025

Ademais de Rianxo (O Barbanza) e Teo, este traballo de investigación enmarcado no Plan Cuatrienal de Memoria Democrática, impulsado pola USC e pola Xunta da Galiza, continuará coa exploración histórica da fosa de Ribeiras do Sor (Mañón, Ortegal).

Por parte da USC, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández, e o doutor en Historia e profesor Antonio Míguez coordinan un equipo de investigación que é dirixido polo profesor Jose Carlos Sánchez, o antropólogo forense do Imelga Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, dirixido por María Victoria Lareu.