Celanova homenaxe as mulleres encarceradas na localidade polo franquismo

Persoas asistentes ao acto de homenaxe as mulleres encarceradas en Celanova, diante do inmóbel onde estivo emprazada a prisión. (Foto: Nós Diario)

Celanova pagou este sábado a débeda pendente cos todas as mulleres encarceradas na localidade entre 1936 e 1938. Unha placa na súa lembranza impulsada polo Comité de Memoria Histórica desa comarca colga desde hoxe no antigo carcere, emprazado nos edificios do actual xulgado.

O historiador Domínguez Rodríguez Teixeiro foi un dos primeiros en deixar testemuño do presidio de mulleres de Celanova nos primeiros anos da ditadura franquista. A este respecto, sinalou que “as prisións de partido de Celanova e Bande presentarán algunhas particularidades como consecuencia da súa transformación en prisión de mulleres”.

“Celanova”, documentou Teixeiro “será a primeira en recibir reclusas enviadas dende a capital provincial, xa dende os primeiros días da sublevación e, así, constatamos que ao longo dos primeiros dez meses de guerra prodúcense nesta cadea un total de 166 altas”.

Rodríguez Teixeiro explicou que “no mes de xullo de 1937 había en Celanova un total de 53 reclusas -unha cifra á que temos que sumar as 91 que ese mesmo mes están recluídas en Bande, de modo que o número mínimo de mulleres presas na provincia se situaba nas 142. Este centro será clausurado un ano despois, en abril de 1938, causando baixa todas as mulleres, algunhas trasladadas á prisión de Bande e outras postas en liberdade”.

As últimas investigacións desenvolvidas polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova documentan 99 mulleres e cinco crianzas detidas neste centro de confinamento. Porén, o colectivo lembra que os libros de rexistro do cárcere están incompletos, só conservándose  as relacións de presas referidas aos meses de maio, xuño, xullo, agosto, novembro e decembro de 1937, así como as de agosto de 1939. Aínda así, un documento de agosto de 1936 certifica 33 detidas neste presidio.

María del Valle e Salud Torres

O cárcere de Celanova acolleu a algunhas das mulleres que simbolizan a represión franquista na Galiza. Unha delas, a militante comunista María del Valle Lozano, foi sacada do presidio o 29 de outubro de 1937 para ser asasinada no Mosteiro de Ribeira, en Xinzo e Limia. Idéntica sorte correu nesa mesma xornada, Salud Torres Díaz, tamén afiliada comunista, paseada por falanxistas e militares canda María, nai do poeta asasinado Manuel Gómez del Valle.

O acto de inauguración da placa contou en memoria das demócratas presas coa presenza e intervención de representantes das familias Gómez del Valle e Torres Díaz. Na mesma liña, tomaron a palabra a presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Celia Inés Feijóo Soto, a concelleira de Igualdade do Goberno de Celanova, Teresa Barge Dapía e a escritora e poeta Rochi Nóvoa.

Palestra de Xulio Prada e Rosa Cid

A xornada de tributo ás mulleres detidas en Celanova arrancou ás 11 horas cunha palestra a cargo do catedrático da Facultade de Historia de Ourense e especialista na II República e na represión franquista, Xulio Prada e da profesora e historiadora Rosa Cid Galante, autora dunha ampla bibliografía sobre a historia das mulleres.

Precisamente, Rosa Cid documentou a presenza neste presidio de Florinda Ortega Pérez, nai do alcalde republicano de A Gudiña, Felicísimo Pérez Ortega, fuxido a Portugal, Francia e Arxentina após 1939, que fora xulgada en Ourense a finais de outubro do 36 acusada de auxilio á rebelión, e permaneceu confinada en Celanova.