O campo de concentración de Oia
Os campos de concentración facían parte dun plano preconcibido polos fascistas destinado a sementar o terror e a eliminar o adversario político. Articulados en función das necesidades políticas do réxime, a súa apertura veu condicionada polos acontecementos bélicos no conxunto peninsular. Achegamos nesta ocasión a crónica do centro de confinamento de Oia e dos presos políticos alí detidos. Eis un extracto da información publicada no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza.
As edificacións do mosteiro de Santa María de Oia, fundado no século XII e desamortizado en 1835, foron vendidas naquela altura polo bispo de Tui, entrando nunha situación de abandono da que só se recuperaron en parte entre 1910 e 1932 ao alugalo como colexio os xesuítas expulsados de Portugal.
Clausurado o centro educativo, as instalacións, xa moi deterioradas, serán recuperadas como lugar de detención de demócratas e antifascistas de todo o Estado, que deixarán pegada da súa estadía nos debuxos e gravados repartidos polas paredes do complexo, onde ficaron as testemuños das súas convicións, preocupacións e esperanzas. Os primeiros presos políticos chegaron a Oia á volta de 1937.
Segundo sinalou Carlos Meixome, un dos investigadores que máis e mellor estudou este campo, os primeiros reclusos entraron nos últimos meses de 1937, tratándose neste caso de milicianos do exército popular detidos após a caída da fronte norte, volvéndose reabrir, tras practicamente un ano fechado, a comezos de 1939.
As anotacións de Herminio Ramos, alcalde e historiador local de Baiona, permítennos coñecer as chegadas dos primeiros prisioneiros a Oia a través do porto de Baiona, indicando o 20 de febreiro a arribada de 2000 persoas “procedentes de Francia e da fronte de Cataluña, levados en camións para Santa María a Real de Oia”.
A práctica totalidade dos confinados neste campo de concentración ao longo de 1939 serán cataláns que formaban nas unidades voluntarias do exército popular e que conformaban as derradeiras forzas de choque antifascista.
[Podes ler a información íntegra no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]