O campo de concentración de Camposancos
Foi un auténtico campo da morte. O antigo colexio de elite levantado polos xesuítas na desembocadura do Miño na segunda metade do século XIX rematará convertido a partir de 1937 nun campo de concentración onde serán fusilados máis de 171 presos políticos. A memoria do centro de reclusión de Camposancos segue á espera de reconciliarse co presente. Eis un extracto da peza, publicada no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza.
A edificación, situada na beira da desembocadura do río Miño, estaba conformada por uns suntuosos inmóbeis e unha parcela sen edificar de setenta e un mil metros cadrados, onde chegaron a impartirse durante varios cursos académicos estudos superiores, sendo considerada a día de hoxe como un antecedente das universidades de Deusto e Comillas.
Unha vez que os xesuítas españois se trasladan a Vigo á volta de 1916, o centro pasa a ser rexido polos xesuítas portugueses, que viñan de ser expulsados do país a consecuencia da revolución de 1910, atopándose abandonadas as instalacións en 1936.
O campo de concentración de Camposancos, que permanecerá aberto entre 1937 e 1941, chegará a acoller perto de seis mil presos políticos. Se nos momentos que seguiron o alzamento fascista de xullo de 1936 as instalacións dos xesuítas xa foron utilizadas como centro de detención para a veciñanza do Baixo Miño, non será até os meses finais de 1937 cando apareza confirmado como campo de concentración.
[Podes ler a peza íntegra no número 345 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]