O Arquivo Militar de Ferrol non se trasladará a Madrid

Arquivo Intermedio Militar de Ferrol. (Foto: Patrimonio Invisible)

“Non está previsto, tal e como se sostén desde algúns ámbitos, que haxa ningún tipo de movemento”, sinalan desde a Delegación do Goberno español na Galiza, logo de que o o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, rexistrara iniciativas para que Defensa rectificase a decisión de trasladar os fondos do arquivo.

O Ministerio de Defensa ten un "posicionamento claro" e confirma que o Arquivo Militar de Ferrol manterase na cidade e non será trasladado a Madrid.

Así o comunicou a Delegación do Goberno español na Galiza após a presión exercida por colectivos memorialistas non só de Ferrol e da súa comarca, senón de toda a Galiza, e tamén de formacións políticas como o BNG. Esta mesma terza feira, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou iniciativas para que Defensa rectificase a decisión de trasladar a Madrid gran parte dos fondos do arquivo.

Así, segundo informou nun comunicado a Delegación do Goberno español na Galiza, o valor do patrimonio que atesoura o Ministerio nos territorios "é esencial" para difundir a cultura de defensa. "Non está previsto, tal e como se sostén desde algúns ámbitos, que haxa ningún tipo de movemento", incidiu.

Por iso, os ferroláns e as ferrolás "poden estar tranquilas" porque o Arquivo Militar queda en Ferrol, unha cidade cunha "estreita vinculación" ao traballo que desenvolven as Forzas Armadas e a industria de defensa en España.

A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática valorou de forma "moi positiva" a decisión de Defensa. "O mantemento, nesta cidade, de tan valiosa documentación, a disposición de familiares e investigadores" é " unha magnífica nova", afirmaron. 

A noticia arredor do posíbel traslado a Madrid de parte do Arquivo Militar de Ferrol, en concreto o Arquivo Intermedio Militar Noroeste, provocou a comezos deste mes voces en contra en todo o país. Desde o BNG até asociacións e historiadores amosaron a súa sorpresa por este posíbel movemento do Ministerio de Defensa a respecto dos documentos que custodia este arquivo (desde mediados do século XIX até case a actualidade) relativos ás causas xudiciais do Tribunal Militar do Noroeste.

Ao catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Emilio Grandío, chegáranlle alertas pola suposta presenza dunha empresa de mudanzas de Madrid co encargo de facer un orzamento por orde da Subdirección Xeral de Publicacións e Patrimonio Cultural do Ministerio de Defensa para o traslado a Madrid desta documentación, segundo Grandío, “millóns de documentos que son un material riquísimo” que levan sendo obxecto de consulta por parte de investigadoras e investigadores desde hai 25 anos en Ferrol.

Grandío, coordinador do Grupo Hispona, explicaba hai unhas semanas a Nós Diario que “non entendería ben por que se fai”, xa que segundo di, “o lóxico sería dixitalizar” todo este material  como aconteceu cos papeis de Catalunya. Argumentaba Grandío que o traslado de arquivos de onde son orixinarios “sempre é un trastorno para a xente que os consulta” que, no caso de Ferrol, son moitas persoas, tanto historiadoras, coma investigadoras e mesmo familias.

Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña demandaron publicamente a exixencia a Defensa do mantemento dos citados fondos en Ferrol e a dixitalización documental que facilite o acceso a investigadoras e investigadores interesadas no coñecemento histórico, nomeadamente aquelas causas e documentos sobre a represión franquista.

Para estes colectivos memorialistas, resultaba “sorprendente e incomprensíbel” que se considerase o traslado a Madrid, “simplemente alegándose a gran demanda de consulta destes fondos”, das sentenzas de penas de morte e outras condenas que se ditaron por tribunais militares ilexítimos como o que tiña como sede o cuartel de Atocha da Coruña, o Cuartel de Zapadores en Ferrol, entre outros moitos lugares do territorio galego que forman parte da memoria da represión franquista.