Após a multitudinaria mobilización en defensa do galego, a Xunta di que se abre a un debate sen "liñas vermellas"

Diego Calvo, esta segunda feira, 19 de maio, na comparecencia após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
Alfonso Rueda marcou hai tres meses como liña vermella manter o veto ao galego no ensino.

A Xunta da Galiza está "disposta a chegar a acordos", en palabras de Diego Calvo, conselleiro de Presidencia; en temas de lingua, tamén no que se refire ao decreto que limita o uso do galego no ensino. Un tema que até o de agora era unha "liña vermella" para o Goberno galego. Após a multitudinaria mobilización de Queremos Galego deste sábado, 17 de maio, a Xunta ábrese agora, precisamente, a un diálogo "sen liñas vermellas".

45.000 persoas, segundo Queremos Galego, mobilizáronse o sábado 17 de maio en Compostela para exixir un cambio de rumbo nas políticas lingüísticas impulsadas polo Goberno galego nestes últimos anos e que teñen no decreto que limita o uso da lingua no ensino un dos seus eixos. Un decreto que o Executivo que preside Alfonso Rueda se mostrou reticente a eliminar ou modificar.

O propio Rueda apuntaba o pasado 25 de febreiro, e tamén despois da mobilización de Queremos Galego do 23 de febreiro, Día de Rosalía, que se abría a dialogar sobre a lingua, mais mantendo os vetos ao galego no ensino. Esta segunda feira, Diego Calvo, que presidiu o Consello da Xunta ao estar Alfonso Rueda ausente—foi a Madrid a unha reunión do PP estatal—, foi quen compareceu en nome do Goberno galego.

A preguntas de Nós Diario sobre se tras a multitudinaria manifestación do sábado pasado o Executivo se abría a valorar a modificación dese decreto, Calvo manifestou a  "máxima disposición a chegar a acordos" e dixo que estaban dispostos a dialogar "sen liñas vermellas", apuntando a que son "outros" os que fixan esas liñas.  O propio Executivo tiña até agora o que el bautizou como "decreto de plurilingüismo" como unha "liña vermella" a non tocar. "Que a lingua non sexa un problema", manifestou esta segunda Calvo, que afirmou que, de todas as comunidades con lingua propia, a galega está "nas mellores situacións". Mais, apuntou, "somos conscientes de impulsar o seu uso e prestixio" e por iso, afirmou, impulsaron o 'pacto pola lingua'.

16.000 euros a propietarios

O Consello da Xunta presidido por Diego Calvo aprobou dar até 16.000 euros a propietarios de vivenda baleira para "incentivar" a que as poñan no mercado residencial en aluguer. 

A medida explicouna a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, que cifrou en case seis millóns de euros os fondos da Xunta a esta finalidade, coa que pretenden "mobilizar" 1.300 pisos. O propietario do piso baleiro recibirá 11.000 euros para reformalo, 2.000 euros máis se o aluga a menores de 36 anos, familias con menores ou con dependentes; e 3.000 euros para que pague o seguro multirrisco.  O prezo do arrendamento dependerá da zona. Así, por exemplo, na Coruña, Vigo ou Compostela non deberá pasar de 700 euros; mentres que  en Ourense ou Lugo serían  de 650 euros.

A reunión do Goberno galego tamén deu o visto e prace a 7 millóns de euros en axudas para armadores e mariñeiros afectados pola veda do xurelo e o polbo; así como destinar 6,3 millóns de euros en axudas a empresas para que contraten  persoas de menos de 30 anos de idade.  Ademais, entre outras cuestións, o Executivo tamén tratou a situación en que, a partir do día 27 deste mes, se atoparán as 4.7712 liñas de cobre telefónicas que existen en 72 concellos galegos, pedindo tanto a Goberno estatal como empresas telefónicas que se preocupen de "garantir o servizo".