Xosé Lois García, novo membro da Academia Angolana de Letras
O escritor e colaborador de Nós Diario Xosé Lois García tomou esta quinta feira posesión como novo membro da Academia Angolana de Letras. A súa conferencia de ingreso na institución enmarcouse dentro das 'Conversas da AAL' e levou por título Presenza da literatura angolana en España.
Xosé Lois García (Merlán, Chantada, 1945) é especialista da literatura de expresión portuguesa en África –continente ao que viaxou en numerosas ocasións– e autor de antoloxías poéticas de Moçambique, Angola, Guiné-Bissau, Macau e o Brasil. Tamén é antólogo e tradutor.
A súa obra está composta por mais de 50 libros publicados sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán. Nunha opinión publicada neste mesmo xornal, García afirmaba que "os galegos en xeral descoñecemos bastante cada un dos contextos culturais e artísticos lusófonos, cuxo vehículo de comunicación é a lingua orixinal galaico-portuguesa".
Neste sentido, afirmaba que "a lusofonía conforma a estabilidade dun bloque lingüístico que para nós, os galegos, debemos ter conciencia e amparo do mesmo, onde a nosa fala está presente e, non sempre temos o atino de preservala dentro do contexto que nos confina como promotores da mesma". Desde onte engade ao seu currículum facer parte da AAL.