Tinder xa fala galego: a app de citas máis popular incorpora a lingua da Galiza
A aplicación de citas engade tamén o éuscaro e o catalán, e xa pode empregarse en todas as linguas cooficiais do Estado.
A aplicación de citas Tinder, unha das máis coñecidas, deu un novo paso no seu obxectivo de facer accesíbeis as conexións significativas a todas as persoas ao incorporar 11 novos idiomas á súa plataforma, entre eles o galego.
A actualización supón un "fito na aposta pola inclusión e a diversidade lingüística", explican desde a plataforma, permitindo que máis usuarias e usuarios poidan empregar a aplicación na súa lingua. Con esta ampliación, Tinder está xa dispoñíbel en 60 idiomas e en máis de 190 países.
Ademais do galego, a app pode utilizarse a partir de agora en albanés, azerí, éuscaro, bosníaco, birmano, xeorxiano, khmer, lao, macedonio e suahili. "O idioma é algo profundamente persoal: modela como nos expresamos, como nos conectamos e como nos sentimos recoñecidos. Ao sumar o galego a Tinder, axudamos a que máis persoas vivan a experiencia das citas dun xeito auténtico e na súa propia voz", explica Kenny Mayo Imery, responsábel de Globalización e Crecemento Internacional na empresa.
Con esta incorporación, Tinder "reafirma o seu compromiso coa inclusión e coa equidade lingüística", destacando a importancia de que cada persoa poida sentirse representada tamén no ámbito dixital.
As usuarias e usuarios poden cambiar as preferencias de idioma tanto na aplicación como na versión web (Tinder.com) seguindo as instrucións dispoñíbeis na plataforma.