Rueda négase a apoiar a oficialidade do galego na UE que hoxe votan os 27

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira 26 de maio. (Foto: Arxina)
O 25 de maio de 2010, hai 15 anos, era aprobado o chamado Decreto do plurilingüismo. Pasados xa tres lustros, as estatísticas e os informes demostran unha perda récord de falantes de galego, unha realidade que ten especial incidencia entre a mocidade. Ademais, os 27 votan esta terza feira se declarar o galego lingua oficial da Unión Europea, unha proposta que carece do apoio de Alfonso Rueda.

Hai 15 anos, o 25 de maio de 2010, foi aprobado o chamado Decreto do plurilingüismo, impulsado polo PP. Neste contexto, o pasado 11 de outubro, o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba os datos sobre o coñecemento e uso do galego en 2023, nun estudo que destacaba que 53,6% da poboación de entre 5 e 14 anos e 43% da faixa de entre 15 e 29 anos afirmaba expresarse sempre en castelán. Ademais, segundo os datos do IGE, 70.891 mozos e mozas de entre 5 e 14 anos –32,4% desa faixa de idade– recoñecían a súa imposibilidade para expresarse en galego, un aumento de máis de 110% en relación a 2008. Así, corroboraba o informe Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, realizado no ano 2022 pola Real Academia Galega (RAG) baixo a autoría de Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Gabino S. Vázquez-Grandío e Anik Nandi.

Este documento constataba que o Decreto 124/2007 do Goberno de coalición entre PSdeG e BNG disparara o uso do galego nos diferentes ámbitos do sistema educativo a niveis nunca vistos. Deste modo, a principal cuestión, a súa utilización nas aulas á hora de impartir as diferentes materias, desvelaba que 72% das persoas enquisadas para a elaboración do informe recibiran a meirande parte da docencia en galego, fronte a 48,9% tras a entrada en vigor do anterior Decreto 247/1995, impulsado polo Executivo de Manuel Fraga (PP).

"Creo no bilingüismo, o decreto sentou os alicercerces diso", dixo Rueda

A situación mudou radicalmente após a aprobación do chamado Decreto do plurilingüismo, pasando de 72% de aulas impartidas en lingua galega a só 52,6%, co consecuente efecto 'arrastre' no emprego entre o alumnado (27,7%), nas relacións co profesorado (37,5%), nos usos escritos (45,3%) e nos exames (47,4%). 

"A aplicación do Decreto do galego (Decreto 124/2007) tivo unha repercusión directa no retroceso nos usos non formais e durante eses anos as prácticas dos galegofalantes mantivéronse. A aplicación do Decreto do plurilingüismo (Decreto 79/2010) estivo relacionado coa volta do desprazamento que se viña a producindo no marco das relacións horizontais", sostiña o estudo.

Rueda defende o decreto

A pesar dos datos que corroboran a realidade da perda de falantes de galego entre a mocidade, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a preguntas de Nós Diario, defendeu esta segunda feira o Decreto do plurilingüismo que limita o galego no ensino. "Somos os primeiros en dicir que estamos abertos ao pacto para mellorar o galego", argumentou. Con todo, engadiu, "o que non imos permitir é a imposición do monolingüismo, nin do castelán nin do galego". "Creo no bilingüismo, o decreto sentou os alicerces diso.Que se pode mellorar? Sen dúbida", concluíu o mandatario.

María López Sández. (Foto: RAG)

A este respecto, a tesoureira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, María López Sández, afirma en declaracións a Nós Diario que "é evidente que [a situación da lingua] non é só responsabilidade do decreto, mais o decreto ten un papel importante e decisivo na transmisión lingüística". Por isto, defende "a necesidade dun punto de inflexión e dun cambio no modo de apostar colectivamente pola lingua". 

María López Sández, executiva da RAG: "Non se pode proscribir o galego dos campos de coñecemento científico, os que gozan de máis prestixio"

"Urxe que o sistema educativo contribúa á preservación do galego, e para iso non pode facerse unha identificación entre campos do saber e lingua, non se pode proscribir o galego dos campos de coñecemento científico, precisamente os de máis prestixio", di.

Pola súa parte, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinala a Nós Diario que o Decreto do plurilingüismo "implicou xustamente o que denunciabamos hai 15 anos". Así, acrecenta, "o galego está desaparecido do ensino e o coñecemento da lingua por parte do alumnado, segundo os datos oficiais, é o máis baixo da historia".

Marcos Maceira, presidente da Mesa: "A eliminación dos materiais didácticos en galego reforzou os efectos demoledores do Decreto do plurilingüismo"

Marcos Maceira. (Foto: Clara Xanthina)

"Agora o que temos é unha xeración completa, é dicir, ninguén menor de 15 anos, que pasou por este Decreto de plurilingüismo", destaca. "Os resultados son demoledores contra o galego e, ademais, por se fose pouco, foi reforzado pola Xunta a través da eliminación dos materiais didácticos en galego, mesmo naquelas materias nas que non está prohibido", denuncia Maceira.

A presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Ana Pérez Rico, destaca a Nós Diario que o decreto "naceu cun rexeitamento claro dos expertos e das expertas en linguas e da sociedade galega". Trátase "dun texto contraditorio cos seus obxectivos principais e contra o que se pronunciou o Tribunal Superior de Xustiza, anulando dúas das súas disposicións, e aínda así a norma segue a constar íntegra nas páxinas oficiais". "Foi un decreto innecesario para a normalización lingüística, pois xa tiñamos un marco lexislativo que apostaba polo galego, mais necesario para atacar o idioma", engade.

Ana Pérez Rico, presidenta da AS-PG: "O Decreto do plurilingüismo naceu cun rexeitamento claro dos expertos e expertas en lingua, e da sociedade galega" 

Ana Pérez Rico. (Foto: Nós Diario)

Neste sentido, Pérez Rico aposta pola volta ao Decreto do galego, "non vetando ningún espazo á nosa lingua". Algo co que concorda Marcos Maceira, que destaca a necesidade de que o Goberno galego respecte a Carta Europea das Linguas Minorizadas, a cal foi asinada polo Estado. Neste sentido, María López Sández pon o foco na importancia da educación infantil, "clave para a lingua de socialización do alumnado". "Unha vez que os nenos e as nenas estabelecen entre eles como lingua de socialización o castelán, o que fagamos despois pode ter repercusión a nivel de competencias, mais non de uso", conclúe a académica da RAG.

A lingua galega na UE

Rueda manifestou esta segunda feira que se lle ocorren "prioridades maiores" ás que destinar o que custaría oficializar o galego, o catalán e o vasco na Unión Europea (UE). Así o dixo un día antes da votación que terá lugar hoxe no Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea, que decidirá se estas linguas se converten en oficiais na UE, unha proposta que precisa unanimidade. "Se o custo do que se está falando, máis de 40 millóns de euros ao ano, é real, a min nestes momentos ocórreseme que, se ten ese diñeiro o Goberno estatal, nestes momentos hai prioridades moito maiores", dixo Rueda. Porén, fontes da Comisión Europea aseguran que ninguén pediu un informe do custo nin das implicacións legais que derivarían da oficialización. 

Ademais, o presidente da Xunta tamén afirmou que non lle "constan" supostas manobras do líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, para tratar de frear esta oficialidade. "Se agora se quere dar un paso máis, que simplemente é por cumprir unha exixencia a quen sustenta o presidente [español, Pedro Sánchez] no seu posto, por un día máis na Moncloa, isto non ten nada que ver co fomento das linguas", concluíu.

O PP recoñeceu contactos para evitar a oficialidade do galego na UE

Un discurso que secundou esta segunda feira o portavoz estatal do PP, Borja Semper, que acusou Sánchez de utilizar politicamente e "sobar" as linguas cooficiais. "Non lle interesa o catalán na Unión Europea, interésalle sobrevivir e contentar ao independentismo. E logo, xa veremos", afirmou despois de que a o PP recoñecera contactos con estados para tentar que voten en contra desta oficialidade.

Pola súa parte, o Executivo estatal propuxo unha implementación parcial da oficialidade destas linguas na UE a partir de 2027 para intentar que a proposta saía adiante. Neste sentido, as dúas formacións que integran a coalición do Goberno (PSOE e Sumar) expresaron onte a súa confianza en que a proposta sexa aprobada.

Iniciativa do BNG

Neste contexto, o BNG presentou esta segunda feira pola vía de urxencia unha iniciativa na que reclama que o Parlamento Galego reprobe "a actuación do Partido Popular en relación ao incumprimento do acordo unánime tomado en sesión plenaria decorrida o 7 de maio de 2025 pola que se defendía o uso do galego como lingua oficial no Parlamento Europeo", así como dar traslado aos grupos políticos representados na Eurocámara desta "posición en prol do uso do galego" nas institucións da UE.

Asemade, a iniciativa rexistrada pola formación nacionalista defende que o Parlamento galego inste a Xunta a "velar polo cumprimento dos acordos adoptados na Cámara en defensa da normalización da lingua galega".

"Primeiro vota a favor da oficialidade do galego na UE e ao mesmo tempo está a facer xestións con estados europeos para votaren en contra, unha indecencia política e unha deslealdade institucional que no BNG non imos permitir", manifestou esta segunda feira ao respecto a responsábel das áreas de Cultura e Lingua da organización nacionalista no Parlamento da Galiza, Mercedes Queixas.

Exixen unha rectificación por parte do secretario xeral

O Foro Galego de Inmigración informou esta segunda feira de que enviou un requirimento de "rectificación pública" tras ligar o secretario xeral da Política Lingüística, Valentín García, e "outros membros" do Executivo galego que dirixe Alfonso Rueda que baixe o emprego do galego "coa presenza de persoas migrantes". Neste sentido, o colectivo aludiu a unhas declaracións de García nunha entrevista de García en La Voz de Galicia, así como a pronunciamentos previos, tanto do propio responsábel de Política Lingüística como de outros dirixentes da Xunta da Galiza, que tamén argumentaron neste sentido.