Un roteiro mergúllase no Ourense de Valentín Lamas Carvajal

Un momento do roteiro. (Foto: Amega)

Organizado polo Consello da Cultura Galega, percorreu algún dos espazos da cidade ligados ao impulsor de ‘O Tío Marcos d’a Portela’.

O día 7 de febreiro de 1876 nacía en Ourense O Tío Marcos d’a Portela, un xornal satírico e de opinión escrito integramente en galego, no contexto do Rexurdimento. Promovido por Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906) e con periodicidade quincenal, chegou a ter unha tiraxe de 4.000 exemplares, o que o converte no gran pioneiro dos medios de comunicación en galego. Entre os colaboradores desta cabeceira estaban escritores e intelectuais galeguistas como Eladio Rodríguez González, Gonzalo López Abente, Antón Losada Diéguez, Manuel Lugrís ou Victoriano Taibo.

Para conmemorar o 150 aniversario desta publicación o Consello da Cultura Galega (CCG) impulsou este sábado un roteiro polo Ourense de Lamas Carvajal guiado por Afonso Vázquez Monxardín, arqueólogo e catedrático de Lingua e Literatura Galega, unha iniciativa na que participaron ao redor de 80 persoas.

O punto de encontro para as persoas participantes foi a entrada do Cemiterio de San Francisco, onde se procedeu a visitar o mausoleo de Valentín Lamas Carvajal. Alí tomaron a palabra, entre outros, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez  e Valentín García, Secretario xeral da Lingua.

O itinerario a pé contou a seguir con paradas nos lugares máis emblemáticos da vida e obra do autor ourensán, desde a praza do Correxedor até As Burgas, a Alameda ou o Instituto Vello (ex seminario), pasando pola rúa que leva o nome do autor ou a estatua de Blanco Amor, cuxa obra ten influencia de Lamas.

Fernando de Paz. (Foto: Amega)

Visitáronse tamén lugares emblemáticos como a casa onde naceu e morreu Lamas Carvajal, ou o edificio no que se atopaba a imprenta da que saíu o xornal, onde tomou a palabra o presidente da Asociación de Medios en galego (Amega), Fernando de Paz, que fixo un chamado á responsabilidade de actuar ante o devalo da lingua.

Un representante da ONCE, organización convidada ao roteiro, anunciou que o 1 de novembro deste ano, día do nacemento de Lamas, vanlle dedicar un cupón por ser un exemplo de superación da cegueira.

Foto: Amega

O itinerario pola cidade tiña o seu punto e final no Liceo de Ourense. Alí a Coral de Ruada tiña previsto realizar un pequeno recital de homenaxe antes do xantar de convivio.