A RAG sinala a Xunta como responsábel da situación "dramática" da lingua galega
Após a sesión plenaria decorrida na tarde desta sexta feira, a Real Academia Galega (RAG) tomou postura a favor do pacto pola lingua anunciado polo Goberno galego, logo de que o IGE certificara unha situación que a institución considera “dramática”: a redución da cifra de falantes de 5 a 14 anos, cun incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade, a incapacidade para falar galego do 32% no grupo de idade máis novo, e a incompetencia para escribilo no 38% dese mesmo grupo. E a RAG teno claro: “A primeira responsabilidade” deste problema é “do Goberno galego”.
Para a Academia estas cifras ofrecen unha “proba rotunda” das consecuencias do decreto chamado de plurilingüismo de 2010 e en xeral do abandono das políticas de protección do galego: incremento do monolingüismo en castelán e diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso.
Nun comunicado remitido aos medios após a finalización do pleno, a RAG lembra diversos pronunciamentos do seu plenario que xa se manifestaron “reiteradamente sobre a situación do galego”, como a análise do decreto de plurilingüismo, a demanda dunha avaliación dos efectos deste decreto sobre as competencias do estudantado, a reclamación do desenvolvemento do Plan xeral de normalización da lingua galega ou o requirimento de aplicación íntegra da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.
Segundo sinala a Academia, o proceso de substitución do galego e a caída do seu uso, sobre todo entre as xeracións máis novas, “é un feito obxectivo que pon en grave risco a continuidade do idioma”. Tendo en conta isto, consideran importante sinalar unha serie de puntos, sendo o primeiro deles que a “primeira responsabilidade” nesta situación tena o Goberno galego. “A responsabilidade é de toda a sociedade galega, pero moi fundamentalmente de quen detén o goberno e dispón, xa que logo, dos mecanismos de actuación e planificación”.
E de entre as frontes onde a RAG considera que a Xunta da Galiza debería actuar de modo “urxente”, destacan a “dramática ruptura da transmisión xeracional”, que nenas e nenos que chegan ao ensino infantil e primario falando galego volvan ao pouco tempo falando español, ou o feito de que o Proxecto de lei de servizos de medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital permita a incorporación doutras linguas na televisión e radio públicas.
Alén diso, a Academia tamén considera urxente impulsar na industria da cultura mecanismos e estratexias de difusión que permitan aos creadores en galego chegar ás audiencias así como promover o uso da lingua galega ao mundo da empresa, a publicidade, o comercio, os deportes, o lecer ou o culto relixioso, e mais que se active na administración pública, na sanidade, na xustiza...
Un “achegamento ao portugués sen renunciar ao galego potenciando a dimensión internacional do idioma a través da lusofonía” é tamén, para a RAG, un factor importante para reverter a situación “dramática” da lingua.
Todo o anterior “debería concretarse” nunha revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, en que consideran que deben participar os axentes sociais relevantes. Esta revisión “debe prever a súa implementación, con medidas concretas, dotadas do correspondente orzamento, e obxectivos temporalizados, con indicación dos órganos executores e previsións de avaliación periódica do seu cumprimento”.
A RAG insta ademais a Xunta da Galiza a cumprir “na súa integridade” a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, incluíndo un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o decreto de plurilingüismo de 2010, que diminuíu a presenza do galego no ensino e que a RAG recorreu legalmente no seu día. Tal como esta Carta prevé, debe ofertarse unha liña de ensino en galego desde a escola infantil á Universidade. Igualmente, “cómpre que o sistema universitario se comprometa co uso do galego como lingua da docencia”.
Como punto de partida para esa nova política, a RAG considera “imprescindíbel” que se chegue a un pacto pola lingua galega “que implique o conxunto da sociedade”. “As formacións políticas representadas no Parlamento son a expresión da soberanía popular e a elas corresponde a iniciativa, mais contemplando a participación activa dos axentes sociais”.
Finalmente, a Real Academia Galega insta a Xunta e as forzas políticas a iniciaren o novo curso político cun proxecto de futuro para o idioma que “comprometa e ilusione”. “Cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas. Esta é unha tarefa urxente, que non admite máis demoras”, conclúe.