A Mesa pídelle ao conselleiro de Lingua que a Xunta se comprometa coa oficialidade do galego
A sala de reunións da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, nos edificios administrativos de San Caetano (Santiago), acolleu esta segunda feira unha xuntanza entre o responsábel deste departamento, José López, acompañado polo secretario xeral de da Lingua, Valentín García, e o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que acudiu canda a vicepresidenta da entidade, Elsa Quintas, e a secretaria xeral da entidade, Celia Armas.
Tras máis dunha hora de conversa, compareceron ante os medios por separado. Desde A Mesa, Maceira congratulouse de que agora, con esta xuntanza, “a mobilización social que promovemos nos últimos anos fose minimamente atendida”, e lembrou que a entidade que preside levaba “máis de 15 anos pedindo a reactivación do Plan xeral de normalización da lingua galega”. Neste sentido, salientou que a situación é de “emerxencia lingüística extrema", mais tamén entende que é "reversíbel co compromiso da sociedade e dos poderes públicos a favor do idioma da Galiza”. Por este motivo, reiteroulle ao conselleiro a vontade de "contribuír en todo canto for preciso para reactivar os acordos e facer efectivos os obxectivos e medidas do Plan xeral".
A Mesa pediu á Xunta iniciar a reactivación e avaliación dese Plan cun proceso “amplo, plural e participado, con representación de colectivos representativos do conxunto da sociedade galega e dos seus intereses en cada un dos ámbitos”. Ademais, este debería ser sempre “transparente e “con vontade e compromiso de aplicación”.
"As única liñas vermellas que deben desaparecer", apuntou o presidente da Mesa, "son as que impiden desenvolverse na lingua propia da Galiza, excluíndoo no ensino (7% de presenza nas cidades), na xustiza (1%), nos xoguetes (0,6%) ou no audiovisual (0,9%)".
O Goberno español "tamén ten responsabilidades"
José López abriu a súa intervención sinalando que o acordo que se pretende "non ten que ser político, ten que ser fundamentalmente social". Tras facer un balance das conversas anteriores, afirmou que agora tocaba "unha entidade con certa relevancia como é A Mesa". Considerou, neste caso, que a xuntanza desta segunda feira "dá unha imaxe de normalidade, tendo en conta que a sociedade galega nos observa a todos diante deste reto que temos por diante para normalizar o uso do galego".
López insistiu en que hai que pór "medidas de estímulo" para non perder a transmisión oral. "Temos moitas cuestións en común coa Mesa, e non só no ámbito da Xunta, tamén no local, das deputacións, e tamén o Goberno español", apuntou o conselleiro. Sobre esta última administración, considerou que "o Goberno de España tamén ten que asumir certas responsabilidades, como afirma a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias".
"Non poden estar nunha mesa negociando e tras dunha pancarta"
Na súa comparecencia posterior á reunión, Marcos Maceira reiterou que, "até que se dean todas as circunstancias, segue a ser necesaria a mobilización da sociedade galega", e lembrou que está prevista unha manifestación de Queremos galego o 23 de febreiro, Día de Rosalía, que se marca o obxectivo de "encher a praza do Obradoiro".
Sobre este tema, o conselleiro considera que desde a Xunta iniciarán "un proceso negociador" reuníndose con "todas as entidades". "E cando un está nun proceso de diálogo debe estar sentado nunha mesa e non tras dunha pancarta", reprochou. Aínda así, entende que se faga "cando non se cumpran os obxectivos que un ten marcados". López recoñece que lle pediu á Mesa "que fixese un esforzo e estea neste proceso de diálogo, e esa é a gran noticia, non a estratexia que teña cada un para visibilizalo".
López asegurou que lle "alegra" a actitude da Mesa e non desperdiciou a ocasión para criticar o BNG. "O único que parece que se descolgou é o BNG, algo que non é unha boa noticia", polo que pediu que a formación nacionalista "repense a súa estratexia" para pasar a actuar "cun espírito constructivo de apoio en positivo" e non se manteña "á marxe de todo este proceso que estamos levando a cabo".