Palabras con memoria: carnes
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
cegamaridos.- Solombo do porco de grande prestixio gastronómico que quizais sexa correspondente ao filet mignon dos franceses.
Lugar de escoita.- Case non se escoita, pero Otero Pedrayo sitúao na montaña luguesa.
Fonte.- Ramón Otero Pedrayo.
Outros apuntamentos.- Segundo Taboada Chivite había a prohibición de comer os homes "determiñada parte do porco, próusima ás derradeiras vértebras, chamada cega maridos, porque se a comen os varóns perderán a vista".
celda.- Lugar fresco para gardar o chicho (a carne) da matanza.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.
engallada.- (Ademais de significados xa rexistrados) Masa de zorza.
Exemplo.- “Hai que botarlle máis picante á engallada, que a Raquel gústanlle os chourizos moi picantes.”
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Rosalía de Vilaquinte/ENDL Navia de Suarna.
veado.- (Ademais de significados xa rexistrados). Dise do touciño con vías, vetas ou veas de freba.
Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo), Pontevedra, Viascón (Cotobade), Santa Mariña (Covelo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.
vía.- (Ademais de significados xa rexistrados) Veta de freba no touciño.
Exemplo.- “É un touciño sen unha vía de freba.”
Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.