Palabras con memoria: excesos

'Equinocio' é sinónimo de lea monumental ou desastre de calquera tipo, especialmente natural. (Foto: Wildarun)
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

apupada.- (Ademais de significados xa rexistrados) Cornetada, tuteada.
Lugar de escoita.- Filgueira (Crecente).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

equinocio.- (Ademais do significado coñecido) Lea monumental ou desastre de calquera tipo, especialmente natural.
Exemplo.- "Fixo un equinosio", "Foi un equinosio".
Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota (A Coruña).
Fonte.- Mar Llinares García.
Outros apuntamentos.- Pronunciada con seseo, como se pode ver nos exemplos.

estaribel/estarivel (3).- (Ademais de significados xa rexistrados) Barullo, lea, lío físico ou non. Tamén para referirse á persoa que o orixina.
Exemplo.- "Vaia estarib/vel tiñan montado alí".
Lugar de escoita.- Outeiro de Rei, Lugo e A Mariña.
Fonte.- Eva Teixeiro.
Outros apuntamentos.- Indica a informante que foi escoitada na contorna do concello de Outeiro de Rei, en varias parroquias e en Lugo, a persoas nadas nesa área. Tamén a unha persoa da Mariña, que exerceu de mestra en distintas localizacións nesta provincia (non ten claro se é un termo da súa zona ou oíu nalgún dos destinos que tivo).

lombreadas.- Dar paus a unha persoa no lombo.
Lugar de escoita.- Vilalba.
Fonte.- Vanessa Hermida Carballeira.
Outros apuntamentos.- Centro de Día de Abadín.

pandulleiro/a.- (Ademais de significados rexistrados) Crianza con pouca capacidade para se defender, que adoita recibir os golpes das outras.
Exemplo.- "María é unha pandulleira, sempre chega á casa chea de golpes".
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Carme Plata.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.