Palabras con memoria: (des)orde

As crianzas lanzan confeti ao 'biobío'. (Foto: Carlo)
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

arriel.- (Ademais de significados xa rexistrados) Pola liña, de a feito.
Lugar de escoita.- Vilalba.
Fonte.- Vanessa Hermida Carballeira.
Outros apuntamentos.- Centro de Día de Abadín.

barrilar.- Estragar, destrozar, derramar.
Exemplo.- "Non entendo como poden estar a barrilar ese paseo tan bonito".
Lugar de escoita.- Bueu.
Fonte.- Henrique Harguindey.

biobío.- Guindar algo cara a riba, sen pretender atinar con ningún obxectivo determinado.
Exemplo.- "Tirou o confeti ao bíobío".
Lugar de escoita.- Tomonde. Cerdedo (Terra de Montes).
Fonte.- Aurelio Solla Monteagudo.
Outros apuntamentos.- A fonte sinala que dubida se a grafía sería b ou v e tamén se as dúas sílabas deberían ir separadas, pero de momento queda apuntado como se nos mandou.

estragallar.- Sinónimo de ciscar, revolver.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Toño Núñez.

marimán.- Conxunto de cousas, ou persoas, en gran cantidade e certa desorde.
Exemplo.- "Na feira había tal marimán de xente que non se remexía un".
Lugar de escoita.- Sober (Lugo).
Fonte.- Ramón Sandoval.