Palabras con memoria: animosidades

Unha persoa amurcada é unha persoa anoxada. (Foto: Nós Diario)
Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

buchicar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Levar a contraria a algo proposto queixándose.
Exemplo.- "Mañá hai que erguerse cedo e sen buchicar".
Lugar de escoita.- Coruxou (Irixoa).
Fonte.- María Carmen Martínez Purriños.

esgarrafetar.- Pelexar.
Lugar de escoita.- A Pobra do Brollón e comarca.
Fonte.- Orcelina Parada Cortiñas.

murca.- Persoa que está anoxada, pero con rabia contida, e que non fala. Tamén se di que está amurcada.
Lugar de escoita.- A zona de Valdeorras.
Fonte.- Ánxeles Ferrer.

quen te!.- Expresión para indicar un desexo vehemente. "Quen me/nos dera!".
Exemplo.- "Praia en Ourense… Quen te!".
Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).
Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

quiñón (non che quero).- Expresión exclamativa usada para manifestar o que a usa que non lle gustaría estar no sitio doutra persoa.
Exemplo.- "Traballas con ese túzaro? Non che quero quiñón!".
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.
Outros apuntamentos.- A fonte aclara que o quiñón é a parte que recibe o mariñeiro da pesca ou o salario correspondente.