Palabras con memoria: Agralinguando

Home sachando. (Foto: Nós Diario)
Nova edición das 'Palabras con memoria' da AELG.

garavetas.- Cotos, pólas de uz, queirotas... que ficaban despois de queimar o monte e que adoitaban empregarse de ganzos (gabizos ou gamuzos) para alumar nas casas e pallozas antigamente.
Exemplo.- “Vou ao monte apañar garavetas para facer ganzos.”
Lugar de escoita.- Rao (Navia de Suarna).
Fonte.- Estrella Díaz Álvarez/ Endl Navia de Suarna. 

lateiro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Eucalipto pequeno, aínda de pouca idade.
Exemplo.- “Nese monte non teño madeira para vender. Só hai uns poucos lateiros.”
Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).
Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

liame.- (Ademais de significados xa rexistrados) Corda grosa do carro.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

rancaña.- Carranca.
Lugar de escoita.- Cospeito (Lugo).
Fonte.- Suzana do Páramo.

trebella.- Ferramenta usada na agricultura.
Exemplo.- “Vai coller a trebella, que imos á leira.”
Lugar de escoita.- Cerceda.
Fonte.- Xián Suárez Tincado./CPI O Cruce de Cerceda.