"Nós na rúa facemos o que nos dá a gana": Hablamos Español reivindica unha pintada co topónimo deturpado na sede da Coruña do BNG
A sede do BNG na Coruña apareceu este sábado cunha pintada co topónimo da cidade herculina deturpado, nun acto que foi reivindicado pola organización contraria á normalización do galego Hablamos Español, quen se fixo eco nas redes sociais deste acto.
“Alguén escribiu este precioso La Coruña, con L de liberdade, na sede que o BNG ten nesta cidade”, afirmou a entidade españolista. “Prohibides os topónimos oficiais en español? Pois nós na rúa facemos o que nos dá a gana”, engadiu Hablamos Español no seu perfil.
Non se quedou aí a entidade españolista, que tamén cualificou a formación nacionalista como talibán lingüístico. E por se fose pouco, mostraron tal orgullo por esta acción vandálica desde esta organización, que incluso puxeron marca de auga sobre as fotografías da sede do BNG.
“Entón, esta é unha asociación de akelarres totalitarios, pintadas e atentados contra o patrimonio?”, contestaba unha persoa usuaria nunha crítica velada cara ao comentario realizado pola organización españolista sobre a pintada co topónimo deturpado.
“Situación de exclusión do español”
Esta organización, a pesar das cifras sobre a perda de falantes de galego e de que incluso estea prohibido impartir determinadas materias escolares na lingua propia do país, sostén que “a situación de exclusión do español e do nacionalismo lingüístico no ámbito oficial da Galiza son graves e descoñecidas para gran parte de españois”.
“Resulta case imposíbel publicar noticias sobre discriminación lingüística [refírense a unha suposta discriminación do castelán] na Galiza, dada a presión exercida sobre a prensa local por parte do Goberno galego e agora, tamén, desde o equipo de comunicación nacional [refírense ao PP do Estado español] do Partido Popular”, mantén Hablamos Español.
“É difícil conseguir que se fagan eco das nosas noticias na prensa local e na nacional [no Estado español], cando estas afectan Galiza, aínda que sexan máis graves ou rechamantes que outras de calquera comunidade autónoma ás que si se dá gran difusión”, conclúe esta organización españolista que está concentrando o seu discurso a nivel galego por riba de outras autonomías con lingua cooficiais.